Dobre estrea para o CB Nigrán, novos equipamentos para unha nova tempada

O CB Nigrán comeza a súa oitava tempada desde que iniciase unha nova etapa no 2014 e faio estreando os seus novos equipamentos que presentan un deseño máis actualizado. Estes novos equipamentos manteñen as cores vermello e negro identificativas do club, en cuxas camisetas aparecen sublimados os logos do Concello de Nigrán e Deputación e no pantalón a imaxe de Bani, mascota do CB Nigrán.

Para esta nova tempada o club conta con equipos nas categorías Baby, Benxamín, Alevín, Infantil, Cadete, Júnior e Sénior. Por primeira vez o club contará con 3 equipos na categoría cadete, un feminino e dous masculinos dos cales un será de primeiro ano e outro de segundo. Todos estes equipos comezarán os seus adestramentos de forma progresiva a partir desta semana, alternando adestramentos de preparación física na praia e outros en pista.

Con respecto aos adestradores, desde o club queren dar continuidade ao traballo que vén realizando e onde os técnicos son unha peza crave. É por iso que se mantén o 100% do persoal da tempada pasada valorando así o bo traballo formativo e competitivo levado a cabo. Desde o club consideran importante formar adestradores, para iso seguirase traballando con xogadores do club, dándolles a opción de colaborar como adestradores axudantes e supervisando o seu traballo diario.

A directiva do club traballa xa desde esta semana na tramitación das máis de 120 fichas federativas para esta tempada e que veñen atesourar o bo labor realizado no CB Nigrán. O club volve ademais a xestionar as escolas de iniciación de baloncesto nos centros educativos da localidade tras o parón forzado a tempada anterior pola pandemia. Preséntase así unha tempada con novos obxectivos e moi ilusionante.