Correos entrega 1.534 novos dispositivos portátiles ao seu persoal de repartición en Galicia

Correos entregou 1.534 novos dispostivos portátiles de mobilidade (PDAs) ao seu persoal de repartición en Galicia. Concretamente, entregáronse 670 na Coruña, 93 en Lugo, 229 en Ourense e 542 en Pontevedra. Estes novos dispositivos presentan características técnicas que melloran as prestacións dos actualmente dispoñibles.

Concretamente, o novo equipo do fabricante Honeywell é un 35% máis rápido que os actuais e dispón dunha memoria interna de 6 GB fronte á actual de 1 GB, que permitirá o desenvolvemento de mellores aplicacións. A súa pantalla máis grande (5,5 polgadas) dótaos de maior usabilidade. Con tan só 260 gramos de peso, son dispositivos máis robustos, polo que non necesitan funda.

As novas PDAs axudarán nos procesos que se realizan nos centros de clasificación de paquetería e mellorarán os servizos que se realizan durante a repartición de envíos. O seu uso contribuirá a estender os servizos á contorna rural, facilitando a vida dos cidadáns en calquera recuncho de Galicia.

Ademais, estas novas PDAs incorporan unha mellora tecnolóxica pioneira que permitirá aos carteiros e carteiras rurais de Correos ofrecer aos clientes o pago dos seus servizos con tarxeta bancaria desde o propio dispositivo portátil. O lector NFC co que se dotou a estes novos terminais permite a lectura de calquera tarxeta contactless, smartphone ou, mesmo calquera reloxo intelixente. Para os pagos de máis de 50 euros nos que se require o PIN da tarxeta, o usuario poderá introducilo directamente na PDA do carteiro sen necesidade de SMS de validación ou outro mecanismo alternativo xa que o procedemento é completamente seguro.

A previsión é arrancar un piloto da prestación deste novo sistema de cobranza con carteiros rurais da provincia de Lugo e, antes de que finalice o ano, estendelo aos máis de 6.000 empregados e empregadas que traballan na repartición rural en todo o territorio nacional, de modo que poidan ofrecer este servizo no mesmo domicilio antes de que finalice o ano. Unha vez lanzado na contorna rural expandirase, gradualmente nos próximos dous anos, a todo o persoal de carteiros e carteiras de Correos existente en España.

Deste xeito, Correos segue traballando para achegar os servizos e facilitar a vida a todos os cidadáns e cidadás galegas, aproveitando a cobertura territorial que lle brindan as súas 165 oficinas máis 160 puntos de atención no rural de Galicia, así como a súa rede de 2.561 carteiros, dos cales 1.271 son carteiros e carteiras rurais.