O BNG de Gondomar reitera a súa proposta de que as axudas para os comedores escolares sexan en función da renda

O BNG de Gondomar reiterará no pleno do vindeiro xoves 2 de setembro a súa proposta de que as axudas municipais para os comedores escolares do vindeiro curso 2021-2022 se establezan en función da renda e do número de crianzas usuarias do servizo de cada familia.

A proposta do BNG é que as axudas non sexan iguais para todas as familias, senón que se establezan de xeito progresivo, sendo maiores para as familias de rendas máis baixas, e con descontos tamén as familias con máis dun/ha fillo/a usuario/a do comedor.

Por outro lado, o BNG “instará a Xunta e Concello a buscar solucións, antes do inicio do vindeiro curso, que permitan o uso do servizo do comedor a todas as familias que o soliciten, independentemente do número de días que precisen o servizo e do centro no que estean matriculadas (incluído o CRA Antía Cal), para facilitar a conciliación en igualdade de condicións a todas elas”, explica Manuela Rodríguez, Portavoz Municipal do BNG en Gondomar.

Así mesmo proporá, novamente, que o concello asuma o servizo de aulas matinais, tal e como recolle o IV Plan Municipal de Igualdade e atendendo tamén ao acordo unánime do Consello Municipal da Muller (CMM) na súa reunión do pasado 28 de xullo, como medida de actuación para a promoción da igualdade entre homes e mulleres, igualdade que tamén debe fomentarse con servizos que permitan a conciliación familiar e laboral.