Nigrán propón a Residencia de Tempo Libre de Patos como centro de acollida de refuxiados afganos

O Concello de Nigrán, ante a petición da Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) para que as localidades ofrezan espazos potenciais no seu territorio para a acollida de refuxiados afganos, referiu a Residencia de Tempo Libre de Patos como un fogar idóneo, xa que é una instalación xa dotada, ten só actividade de xuño a setembro, e dispón de camas e habitacións individuais, así como cociña industrial e comedor.

“No caso de Nigrán hai esta instalación que cumpre con todos os requirimentos que precisaría un fogar de acollida”, indica o alcalde e presidente do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, Juan González, quen incide en que é unha residencia fronte ao mar, totalmente accesible, con 150 prazas e habitacións individuais, de 2 e 3 camas… “Trátase dun lugar que precisamente está infrautilizado pola Xunta, quen o xestiona, está pechado a maior parte do ano e tanto traballadores como Concello cremos que non ten sentido esa situación, esta sería unha ocasión marabillosa para darlle unha utilidade verdadeiramente social e solidaria, estaríamos moi orgullosos de que Nigrán puidese colaborar deste xeito nesta crise humanitaria”, engade González.

“Oxalá que non sexa preciso empregala, pero desde Nigrán temos a sorte de poder colaborar nesta crise con este espazo que xa está dotado e que non ten actividade algunha”, finaliza.