Nigrán finaliza coa posta en valor do cruceiro de Mallón o asfaltado de nove rúas da parroquia de San Pedro

O Concello de Nigrán rematou coa posta en valor do cruceiro de Mallón o plan de asfaltados de nove rúas da parroquia de San Pedro de A Ramallosa por importe de 151.145 € a cargo do Plan Concellos 2018 da Deputación de Pontevedra e despois de agardar máis de tres anos por todas as autorizacións. Trátase de Pontillón e Ana Isabel Costas, Pereiro (incluíu antes a dotación de saneamento), A Igrexa, Cotros de Arriba, Altamira, Rego, Mallón-Pedreiros e Pereiras, todas elas estaban nunhas condicións pésimas tras máis dunha década sen pavimentar, algunhas incluso dúas. As nove rúas están xa totalmente renovadas tras unha longa tramitación que arrancou a finais de 2017 ao ser requiridos diversos informes sectoriais (Costas, Augas de Galicia, Patrimonio e Axencia Galega de Infraestruturas).

A contorna do cruceiro de Mallón será a que máis note o cambio tras emprender o Concello obras dirixidas á súa posta en valor que incluíron o cambio do asfalto de toda a contorna por empedrado. A maiores, levantouse o firme de asfalto que o rodea ata unha profundidade de 25 centímetros para deixar ao descuberto o chanzo inferior da súa base e ao seu redor pavimentarase con cantos de pedra brancos, ademais, contará con iluminación ornamental. “O resultado é a simple vista moi beneficioso e a contorna do cruceiro gañou moitísimo para, precisamente, poñer en valor este elemento patrimonial e a súa praza”, sinala o alcalde, Juan González, quen agradece especialmente “a paciencia dos veciños”. Foron catro anos agardando por todos os permisos necesarios. “O feito de transcorrer Igrexa e Pereiras pola traza do Camiño de Santiago Portugués pola costa e figurar outros en ámbitos de especial protección cultural (cruceiro de San Pedro, Igrexa parroquial, fonte e lavadoiro de Dona ou o xacemento arqueolóxico de Lugar da Torre) fixo que este plan de asfaltado tivese moita máis complexidade administrativa que calquera outro”, explica. Así, non foi ata o 21 de outubro de 2020 cando Patrimonio deu a súa autorización coa condicionante de que o Concello incorporase ao expediente un proxecto de control arqueolóxico e de realización do mesmo, cuestión que incrementou en 20.000 € o orzamento orixinal.

O Concello de Nigrán leva investido nos últimos seis anos máis de 500.000 € só para plans de pavimentación no municipio. “Sabemos que aínda existen moitos camiños onde intervir e non nos esquecemos, había unha débeda histórica coas parroquias e a estamos a saldar en tempo récord”, finaliza o rexedor.