O chef Rafa Centeno asinará a carta do “restaurante máis pequeno do mundo” do Barbeira Season Fest de Baiona

O Barbeira Season Fest, que se celebrará en Baiona os próximos 27, 28 e 29 de agosto, terá, como en todas as súas edicións, un importante compoñente gastronómico. Trátase dunha aposta da organización por ser, ademais dun festival de música, un motor para o turismo que sirva para poñer en valor a excelencia turística de Baiona e o Camiño de Santiago a través da gastronomía.

Para iso, este ano, a organización do Barbeira Season Fest, en colaboración coa Concellería de Turismo de Baiona, montará no recinto “o restaurante máis pequeno do mundo” cuxa carta asinará o chef Estrela Michelín e responsable do restaurante Maruja Limón, Rafa Centeno. Nunha soa mesa, serviranse pratos que homenaxearán aos produtos tradicionais que os peregrinos adoitan atopar no seu percorrido polo Camiño de Santiago, neste caso o Camiño de Costa.

Ademais de Rafa Centeno, outros chefs da zona participarán coas súas propostas no micro restaurante do certame. Serán Marcos Rodríguez e Rubén Rodríguez, do restaurante Queimada Gastrobar; Guillermo Sala, do Mexical, Miguel Rodríguez, chef do Parador de Baiona, e o responsable da cociña do Ecoadega Cocina Mercado. Desta maneira, o concepto “o restaurante máis pequeno do mundo-o produto máis grande do mundo” dominará a proposta gastro do festival durante os tres días que dura esta edición e daráselle visibilidade á hostalería de Baiona.

Os pratos, en versión take- away, poderán gozalos non só o público do festival senón tamén calquera cidadán ou visitante que se atope na zona. De feito, a organización chegou a un acordo con Glovo para que as persoas de Baiona e da zona que queiran gozar da comida do “restaurante máis pequeno do mundo” poidan perdila a domicilio.

A organización do festival anuncia que xa son varias empresas as que se sumaron á idea e que queren ver o seu produto formando parte dun prato relacionado co Camiño. Torre de Núñez, Aceites Abril, Traloagro, Congalsa ou Deleite, son algunhas delas.

“As catas do Camiño”

Paralelamente a esta opción, o público do festival terá a posibilidade de participar tamén en “ As catas do Camiño”. Trátase de degustacións protagonizadas polos viños máis especiais do Camiño de Santiago coordinadas pola experta sumiller Yolanda Díez Trabanca, do restaurante Living. As catas levaranse a cabo para grupos reducidos cun custe de 18 € persoa e poderán reservar praza calquera persoa que estea interesada, asistente ou non ao festival.

Entradas á venda. 18 grupos en 3 días

18 grupos daranse cita no Escenario Vibra Mahou do Barbeira Season Fest os días 27, 28 e 29 de agosto. O festival medra o número de días e tamén o seu cartel. Viva Suecia, Ladilla Rusa, Confeti de odio, Mujeres, Basanta, Tronco, Laborde, Los Marcianos, Aiko El Grupo, Carlota, Malamute, Chef Creador, Marcelo Criminal, Valdivia, La Claridad, Baiuca, e os Concertos Vibra Mahou de Moura e Kings of the Beach, completan o cartel.

Os abonos para vivir a “experiencia Season” son limitados e xa están á venda na web do festival e A Taquilla.

O Barbeira Season Fest, organizado pola promotora de eventos Elemental Street, conta co apoio da Xunta de Galicia, Xacobeo 21-22, Concello de Baiona e a plataforma musical de Mahou Cinco Estrellas, Vibra Mahou.