Alberto Meira, a recuperar o bo camiño nunha proba mítica como o Rally do Lacón

A cuarta proba do Campionato Galego de Rallyes dispútase esta fin de semana e o equipo AMF Motorsport encárao coa mentalidade de cambiar o rumbo tras os dous abandonos consecutivos nas citas pontevedresas, que deixaron ao equipo en posicións atrasadas do certame pero coa posibilidade de remontar nas seis citas que se disputarán en menos de catro meses.

Ademais esta cuarta cita da tempada supón o regreso do Rallye do Lacón 15 anos despois, e é que nesa última edición, celebrada en 2006, Alberto Meira lograba a súa primeira vitoria absoluta aos mandos do Mitsubishi Lancer Evo VIII, polo que é unha proba que garda un especial recordo para o piloto gondomarense.

Ante os habituais rivais dentro do Supercampionato Galego R5 e a Copa Top Ten Pirelli, Alberto Meira e José Murado espremerán o seu Citroën DS3 R5 para batallar pola vitoria pero á vez evitar erros para asegurar bos puntos cos que subir posicións nos campionatos.

O Rallye do Lacón terá o seu centro neurálxico no Carballiño, disputándose un curto tramo alí na tarde do venres, para encarar o groso da proba o sábado, co formato habitual de catro tramos a dobre pasada, ao longo da zona norte da provincia ourensá.