Ribera Povisa, único hospital galego nun estudo internacional

A doutora Raquel Prada, do servizo de Radiodiagnóstico de Ribera Povisa, é a única representante galega que participa como experta na elaboración duns estudos internacionais que publicados na revista European Radiology, revisan as indicacións clínicas para o uso correcto dos procedementos de intervencionismo musculoesquelético guiados por imaxe.

Estes traballos son un proxecto da European Society of Musculoskeletal Radiology (ESSR), á que a Dra. Prada pertence desde o ano 2013.

“En medicina, cada día, os tratamentos tratan de ser o menos invasivos posible, desenvolvéndose procedementos que permitan a inxección da medicación directamente onde asenta a enfermidade. A concentración do fármaco onde se necesita é moi elevada e iso converte o seu uso nun tratamento altamente eficaz e consegue evitar cirurxías innecesarias.

Antes, e aínda agora en moitos lugares, estes procedementos intervencionistas musculoesqueléticos facíanse a cegas, usando referencias anatómicas pero sen visión directa da zona. Os resultados, frecuentemente, non eran satisfactorios e, progresivamente, trátase de ir implementando técnicas que nos permitan obter os mellores resultados. Estes tratamentos poden facerse guiados por TC ou por raios X, o que leva asociado unha radiación ionizante, por iso prefírese o uso da ecografía, que ten a vantaxe de non radiar, ademais pódense realizar vendo a zona en tempo real, permitindo asegurar a posición correcta da agulla antes de inxectar o medicamento”, explica a Dra. Prada, adscrita aos comités de ultrasóns e de intervencionismo da ESSR.

O estudo no que participa pretende acordar as indicacións clínicas dos diferentes procedementos intervencionistas da patoloxía musculoesquelética. Ela forma parte dun panel de expertos que revisan os niveis de evidencia científica e achegan a súa experiencia para elaborar documentos que sirvan de guía a todos os profesionais europeos.

Todo isto provocou que o intervencionismo musculoesquelético sexa unha subespecialidade cun auxe exponencial, porque achega unha maior seguridade mediante tratamentos pouco invasivos, pero moi efectivos, de aplicación en ámbitos como a patoloxía deportiva, reumática ou dexenerativa, entre outros. Este grupo de profesionais, publicou, entre 2019 e 2020, tres artigos relativos aos procedementos no membro superior e, en xuño deste ano 2021, publicouse o primeiro relativo ao membro inferior, en concreto á articulación da cadeira. Estes traballos están asinados por 60 especialistas de Europa e doutras partes do mundo, desde lugares tan afastados como poidan ser India ou Nova Zelandia. Entre os expertos que elaboran estas guías atópanse oito médicos españois, entre os que está a Dra. Prada do hospital Ribera Povisa.