
O Concello de Nigrán vén de facilitar ao Sergas unha oficina de atención ao público no Centro da Terceira Idade da Ramallosa para que os veciños do Val Miñor que o precisen poidan obter impreso calquera dos certificados de vacinación, de ter pasado a Covid-19 ou incluso a Chave-365 que dá acceso telemático á aplicación E-Saúde (desde onde se descarga o propio certificado dixitalmente). A oficina permanece aberta luns, mércores, xoves e venres de 8:00 a 14:30 horas como mínimo ata o 31 de agosto e substitúe nesta función aos centros de saúde de todo o Val Miñor co fin de desconxestionalos desta labor administrativa. Os turistas ou persoas con segunda residencia na comarca poderán acudir a este punto exclusivamente para pedir o certificado de vacinación impreso.
“O Sergas contactou con nós e inmediatamente lle cedemos este espazo da Ramallosa porque é un lugar equidistante para os tres concellos da comarca. Ademais, consideramos que é positivo porque permitirá liberar aos centros de saúde dunha labor puramente administrativa para centrarse exclusivamente na atención sanitaria, a xente maior moitas veces non domina as tecnoloxías e se sinte máis cómoda levando o certificado impreso, por iso hai unha gran demanda neste aspecto”, destaca o alcalde, Juan González. O certificado europeo que tamén se facilita nesta oficina.