O Barbeira Season Fest e o Hospital Ribera Povisa se alían para garantir a seguridade sanitaria durante o festival

A organización do festival Barbeira Season Fest que se celebrará en Baiona os próximos 27, 28 e 29 de agosto, chegou a un acordo co Hospital Ribera Povisa, para garantir a seguridade sanitaria durante os días que se celebre o certame.

A través deste acordo de colaboración, o Hospital Ribera Povisa comprométese a realizar test a todo o persoal da organización do festival e tamén aos artistas que forman parte do cartel desta terceira edición, a máis completa das celebradas ata o momento.

Ademais, o centro sanitario ofrece un 30% de desconto na realización das probas no seu punto móbil situado en Balaídos. Todas aquelas persoas que acudan coa entrada do concerto, terán a posibilidade de realizarse test de antíxenos ou PCR. Todo isto sumado ás medidas tomadas pola organización para garantir o cumprimento do protocolo sanitario.

A organización do Barbeira Season Fest agradece o compromiso do Hospital Ribera Povisa coa poboación e tamén co sector da cultura, tan castigado durante este ano e medio. Desta maneira, se aposta por xerar unha normalidade na que os eventos seguros sexan unha prioridade.

Entradas á venda. 18 grupos en 3 días

18 grupos daranse cita no Escenario Vibra Mahou do Barbeira Season Fest os días 27, 28 e 29 de agosto. O festival crece o número de días e tamén o cartel. Viva Suecia, Ladilla Rusa, Confeti de odio, Mujeres, Basanta, Tronco, Laborde, Los Marcianos, Aiko El Grupo, Carlota, Malamute, Chef Creador, Marcelo Criminal, Valdivia y La Claridad, Baiuca, e os Concertos Vibra Mahou de Moura e Kings of the Beach, completan o cartel.

Os abonos para vivir a “experiencia Season” son limitados e xa están á venda na web do festival e en A Taquilla.

O Barbeira Season Fest, organizado pola promotora de eventos Elemental Street, conta co apoio da Xunta de Galicia, Xacobeo 21-22, Concello de Baiona e a plataforma musical de Mahou Cinco Estrellas, Vibra Mahou, na súa aposta por achegar ás persoas a través da música e reivindicar os encontros sociais seguros como algo esencial para vivir mellor.