Nigrán inviste 25.000 € no formigonado e pulido do novo Torreiro de Parada

O Concello de Nigrán vén de investir 25.000 € no formigonado e pulido do novo Torreiro de Santiago de Parada co obxectivo de optimizar esta superficie de 1.330 m2 habilitada ao carón do cemiterio municipal e que ata agora estaba con xabre. O espazo foi cedido pola Comunidade de Montes de Parada ao Concello durante cinco anos co obxectivo de, precisamente, emprender estas obras demandadas desde as diferentes entidades da parroquia para poder empregar o recinto como novo torreiro de festas, espazo deportivo, aparcamento, etc.

“O seguinte paso será dotalo de equipamento deportivo e de xogos para que sexa un verdadeiro lugar de ocio e recreo para a veciñanza, paralelamente poderá servir como recinto para as festas ou aparcamento, tal e como funciona a día de hoxe o Torreiro de Priegue”, explica o alcalde, Juan González, quen destaca a gran vantaxe de que se atope nun “punto neurálxico” da parroquia (ao carón da Igrexa de Santiago de Parada) e de fácil acceso. “Sen dúbida, será unha nova infraestrutura que dará moita vida á parroquia ao poder empregarse como lugar de xogo para os nenos, recinto de festas con amplitude suficiente, etc”, conclúe o rexedor.