Nigrán mantén a súa esencia na programación de agosto con Chandefolk, o festival da cervexa artesá ou Parrulas Fest

O Concello de Nigrán continúa este verán co seu lema “Nigrán, equilibrio natural” para presentar unha programación sociocultural de agosto na que se manteñen os principais eventos de cada ano e se engaden novidades para todo tipo de públicos e gustos.

Así, entre os festivais destaca o tradicional Chandefolk en Chandebrito o 21 de agosto co gaiteiro Xosé Manuel Budiño, o festival da cervexa artesá do 11 ao 15 de agosto na Alameda de A Ramallosa, o Parrulas Fest para os máis pequenos na Foz (do 18 ao 21 de agosto) ou Rock’n Patos para despedir o verán o 28 de agosto na zona do mercado (o Solpor Monteferro, previsto para xullo pero suspendido dúas veces por choiva, está reprogramado para o 16 e 17 de agosto). A maiores, o Concello continúa co seu programa municipal #MúsicaNasParroquias para manter as festas patronais con actuacións tan destacadas como o Grupo América en Lourido o día 14, A Banda da Loba nas Angustias o día 15 e A Roda o 24 en Camos. Así, a música volverá ser gran protagonista do verán nigranés tamén con tres concertos de Carlos Núñez os días 6 e 7 de agosto no miradoiro de Monteferro (entradas esgotadas xa, agás para o matinal do día 7) ou a través do novo Espazo Fest que continúa nos distintos pazos de Nigrán con grupos como Marlango (5), Tequila (7), Coque Malla (14), Depedro (21) e Mclan (27).

A maiores, haberá citas habituais deste mes como a feira de Oportunidades Portobello o día 8 na Alameda de A Ramallosa ou diferentes roteiros guiados ao longo de todo agosto con aforo limitado.

AXENDA AGOSTO NIGRÁN 2021