A Xunta destina máis de 265.000 € a financiar a contratación de 20 perceptores da Risga nos concellos do Val Miñor

FOTO: CONCELLO DE NIGRÁN

A delegada territorial da Xunta en Vigo informou hoxe que a Consellería de Emprego e Igualdade vén de resolver a orde de axudas a entidades locais para favorecer a inserción laboral de persoas en situación vulnerable, destinando máis de 1,4 millóns de euros á contratación de 122 persoas perceptoras da Risga (Renda de Integración Social de Galicia), que se encargarán de realizar obras ou servizos de interese xeral nos seus respectivos municipios. Os concellos do Val Miñor recibirán 265.665,4 euros para a contratación de 20 persoas.

A distribución destas achegas na comarca viguesa é a seguinte:

Concellos Traballadores Importe
Mos 5 79.582,05€
Baiona 5 73.418,20€
Redondela 10 153.558,72€
Soutomaior 5 54.258,75€
Salceda de Caselas 5 51.081,84€
Fornelos de Montes 2 20.154,42€
O Porriño 20 204.327,16€
Nigrán 5 72.512,10€
Mancomunidade de Vigo 2 21.151,06€
Gondomar 10 119.735,10€
Cangas 10 134.000,34€
Vigo 40 411.409,19€
Moaña 3 41.521,95€
TOTAL 122 1.436.710,88

A representante autonómica explicou que esta medida busca favorecer a inserción laboral destas persoas co obxecto de proporcionarlles a experiencia e práctica profesional necesarias.

O importe da subvención que se concede ás entidades beneficiarias será o equivalente ao necesario para sufragar os custos salariais totais, incluída a cotización empresarial á Seguridade Social, durante un período de nove meses.

Fernández-Tapias incidiu en que esta medida ten como obxectivo conseguir a mellora da empregabilidade dos colectivos máis vulnerables e completa outras iniciativas da Xunta para favorecer a contratación laboral por parte dos concellos galegos.

Así, referiuse a outras liñas de axudas que o Goberno galego resolveu recentemente, como as do programa Aprol Rural, que destina 197.000 euros para facilitar a contratación de 12 persoas desempregadas que levarán a cabo tarefas de prevención de incendios en 14 concellos da área de Vigo; e os apoios por valor de 71.000 euros para cubrir 24 postos de socorristas que vixiarán as praias e piscinas de seis municipios da comarca viguesa durante o verán.

Asemade, a Xunta de Galicia financia con 1,8 millóns de euros cinco obradoiros de emprego de Garantía Xuvenil na área territorial de Vigo para formar a 80 mozos e mozas nos concellos de Vigo (2), Redondela, Moaña e o Val Miñor.