O Aceites Abril gaña o seu quinto Trofeo Conde de Gondomar

O Aceites Abril, patroneado por Luis e Jorge Pérez Canal, gañou a cuadraxésimo sexta edición do Trofeo Conde de Gondomar – Gran Premio Zelnova Zeltia Banco Sabadell tras selar unha fin de semana perfecta que lle permitiu ao equipo do Real Club Náutico de Vigo sumar o seu quinto triunfo na emblemática regata cunha vantaxe de cinco puntos sobre o segundo clasificado.

A terceira e última xornada celebrada este domingo amenceu gris, con algo de choiva e sen apenas vento tanto na baía de Baiona como no campo de regatas situado fronte ás illas Cíes. Cun primeiro aprazamento en terra de ata dúas horas sobre a hora programada -as doce do mediodía- o Comité de Regatas tomou a decisión de sacar á frota ao auga pasada a unha da tarde co obxectivo de tentar completar polo menos unha manga.

Finalmente, ao fío da hora límite e cuns cinco nós de vento do noroeste, os participantes escoitaron o pistoletazo de saída da única proba de formato barlovento-sotavento que puido celebrarse. Unha regata na que Eolo non llo puxo fácil aos participantes, con roles e unha caída de intensidade na recta final que obrigou ao Comité a acurtar a manga.

Entre os equipos de ORC que se disputaban o Trofeo do Conde de Gondomar, a última regata adxudicoulla o Mar de Frades de Jorge Carneiro (CN San Telmo) pero a gran vitoria da xeral foi para o Aceites Abril no novo e flamante vencedor da cita.

Con esta vitoria, o equipo que dirixen os irmáns Luis e Jorge Pérez Canal acumula xa un total de cinco triunfos no Conde de Gondomar, superando ao Ardora de Paz Andrade, o Castrosúa liderado por Willy Alonso e o Alaxe de Julio Martínez Gil, e quedándose a só un título do equipo que ostenta ata o momento o maior número de galardóns, o Pairo de José Luis Freire.

Por detrás do Aceites Abril, o segundo posto foi a parar a mans do Pairo Marnatura de José Luis Freire, co mozo Luis Bugallo aos mandos; e a terceira posición levoulla o Magical de Julio Rodríguez, que foi ademais o gañador en tempo real da etapa do Carrumeiro. O barco do Real Club Náutico de Vigo empregou un total de doce horas e cincuenta e cinco minutos para cubrir as 94 millas de percorrido, quedándose a pouco máis de dous minutos dos Pérez Canal tras a compensación de tempos.

Ao final da proba, Luis Pérez Canal mostrábase moi contento pola vitoria. “O meu irmán e eu -aseguraba- levamos 38 anos subindo ao Carrumeiro cunha tripulación de amigos que nos coñecemos desde sempre. De feito, o noso equipo leva navegando xunto unha media duns 30 anos, que é toda unha vida”. O patrón ourensán destacaba a vitoria no Conde como o primeiro gran triunfo da tempada. “Imos tentar gañar todas as regatas que podamos -dixo- pero o máis importante para nós é desfrutar e pasalo ben”.

No Trofeo Erizana, no que puntuaban os barcos que non subiron ao Carrumeiro, a segunda xornada provocou un envorco na xeral con respecto á primeira etapa. O Deep Blue 2.1 de Vicente Cid (RCN Vigo), que onte era segundo, anotouse hoxe un primeiro que lle permitiu revalidar a vitoria en ORC da pasada edición. Seguíronlle no caixón La Burla Negra de Juan José Martínez (CN Castrelo de Miño) en segunda posición e o Nahela de Víctor Manuel Álvarez no terceiro posto da xeral.

En Open, o Albarellos caeu do liderado á segunda posición da táboa, cedendo a vitoria ao Ladeira de Elena Raga (MRCYB). Pechou o podio o Silleiro de Paula Rey (MRCYB).

Menos cambiaron as cousas para os monotipos J80, entre os que o Ifaclinic de Joao Allen (MRCYB) foi o máis destacado e logrou proclamarse vencedor por diante do Alboroto de Juan Carlos Ameneiro (MRCYB) e do Luna Nueva de Juan Luis Tuero, segundo e terceiro respectivamente.

En canto á frota de Fígaros, que tamén competiron dentro da división Open, o mellor resultado foi o do Ladeira, seguido do Silleiro e do Bouvento de Óscar Comesaña, todos representando ao Monte Real.

Por último, dentro do proxecto Vela en Feminino do club baionés para tratar de impulsar o papel da muller no deporte da vela en Galicia, entregouse un premio á mellor tripulación feminina da competición, que foi parar a mans do Silleiro, liderado por Paula Rey.

Coa xornada xa finiquitada, os xardíns do Monte Real acolleron a entrega de trofeos aos vencedores da edición. Os encargados da repartición de galardóns foron o presidente do club, José Luis Álvarez; o deputado provincial de Deportes, Gorka Gómez; o alcalde de Baiona, Carlos Gómez; e o Director Rexional de Galicia sur de Banco Sabadell, Adolfo García-Ciaño; e o Director de Marketing de Zelnova Zeltia, Adrián Salgado, patrocinadores do evento.

No 46º Trofeo Conde de Gondomar – Gran Premio Zelnova Zeltia Banco Sabadell tamén colaboraron a Deputación de Pontevedra, a Xunta de Galicia a través de Deporte Galego, Volvo Autesa, Terras Gauda e Martin Miller.

Tras poñerlle o punto e final á competición, o Monte Real Club de Yates prepárase xa para a súa outra gran cita da tempada, o Trofeo Príncipe de Asturias, que se celebrará os días 3, 4 e 5 de setembro. Incluirá, como vén sendo habitual, a cerimonia de entrega dos Premios Nacionais de Vela Terras Gauda e, este ano, as vodas de prata da Ladies Cup, a competición feminina que cumpre 25 anos de vida.