O Solventis de Moro e Bermúdez, primeiro en alcanzar o Carrumeiro Chico

O Solventis de Alberto Moro e Manuel “Malalo” Bermúdez de Castro foi o primeiro barco en alcanzar o Carrumeiro Chico na proba estrela do 46º Conde de Gondomar – Gran Premio Zelnova Zeltia Banco Sabadell, que se estreou este venres en Galicia.

A tripulación do Monte Real Club de Yates asinou unha estupenda regata e tras saír ás once da mañá de Baiona e navegar durante cinco horas e cincuenta minutos, practicamente todo o percorrido en popa, empuxados por un vento constante do sur, logrou alcanzar a mítica rocha de Corcubión por diante do resto da frota.

Eran as cinco menos dez da tarde e o armador do Solventis, Alberto Moro, facía un balance moi satisfactorio da travesía, asegurando que a estaban gozando como nunca. “Tivemos sol, néboa, moita néboa, chuvascos, chuvascos moi intensos, a frota foi bastante xunta e o vento a verdade é que se portou moi ben, dándonos unha media de 18 – 20 nós -aseguraba Moro-. Subimos moi rápido e esperamos que o vento non caia moito no regreso”.

Por detrás do Solventis, con apenas dous minutos de separación uns doutros, foron pasando polo Carrumeiro Chico o Magical de Julio Rodríguez (RCN Vigo), que trata de revalidar a vitoria lograda o ano pasado no Conde de Gondomar; o Aceites Abril dos irmáns Luis e Jorge Pérez Canal (RCN Vigo), que busca a súa quinta vitoria no trofeo tras as conseguidas en 2013, 2016, 2017 e 2018; e o Corsario de Jorge Durán (CY Vilagarcía), que non gaña o Conde desde 2015.

Con algo máis de distancia, aínda que non demasiada, chegaron o Pairo-Marnatura de José Luis Freire (RCN Vigo), con Luis Bugallo aos mandos; e o Marías do portugués Manel María (MRCYB), os outros dous barcos que formaron parte o núcleo duro da frota, navegando bastante preto uns doutros durante practicamente todo o percorrido.

O barco máis pequeno dos que participan na proba inaugural do 46º Trofeo Conde de Gondomar – Gran Premio Zelnova Zeltia Banco Sabadell, o First 31.7 Mar de Frades-Ronáutica Marinas, de Jorge Carneiro (Ro Yatchs), foi o último en virar o Carrumeiro. Fíxoo ás sete e seis minutos, oito horas despois de saír de Baiona.

A falta de que se celebren o resto de probas, todo apunta a que a etapa inaugural do Conde de Gondomar será, un ano máis, unha das máis emocionantes. Finalizará cando o total dos barcos participantes crucen a liña de chegada algo que se prevé para ben entrada a madrugada.

A esta hora (20:00), as 7 tripulacións que se disputan o reto do Carrumeiro Chico continúan todas en liza con máis ou menos horas de navegación por diante. O equipo que primeiro complete a proba converterase, automaticamente, no gañador en tempo real; e as marcas do resto de participantes decidirán, tras a compensación de tempos, ao vencedor da regata en tempo compensado.

Ambos serán, seguro, asines aspirantes a lograr a vitoria absoluta do 46º Trofeo Conde de Gondomar – Gran Premio Zelnova Zeltia Banco Sabadell, que se resolverá o domingo coas probas finais da competición.

Antes diso, este sábado, sairán a competir o resto de barcos (ORCs, J80 e Fígaros) inscritos na Regata Erizana (a que non inclúe a proba longa do Carrumeiro). Farano nun percorrido que, previsiblemente (dependerá da meteoroloxía), implicará unha circunnavegación do arquipélago de Ons. A hora de saída está fixada para o mediodía e, do mesmo xeito que coa proba do Carrumeiro, esta tamén se poderá seguir en directo a través da web do Monte Real Club de Yates.

Mentres que a proba do Carrumeiro (aprox.100 millas) ten coeficiente de puntuación dobre, o coeficiente da volta a Ons (aprox.30 millas) será de 1,5 e as dúas probas técnicas do domingo, do tipo barlovento-sotavento, puntuarán con coeficiente 1 cada unha. Os resultados finais do Carrumeiro e os bastóns revelarán ao gañador do Trofeo Conde de Gondomar, e os da Volta a Ons e os bastóns, decidirán ao vencedor do Trofeo Erizana.