Nigrán apraza o festival “Solpor Monteferro” e o monólogo lírico de Jose Manuel Zapata

O Concello de Nigrán, ante a previsión de choiva, vese na obriga de adiar novamente o festival “Solpor Monteferro” previsto para este xoves 22 e venres 23 e o concerto do tenor José Manuel Zapata programado este sábado 24 no CPI Arquitecto Palacios. O primeiro trasladarase para o 16 e 17 de agosto e o segundo para o 4 de setembro. En ambos casos o Concello anunciará máis adiante a apertura dun novo prazo de inscrición ao ser un aforo limitado con entrada de balde.

“Trátase de dous eventos con aforo entre as 200 e 500 persoas e non podemos trasladalo ao interior por motivos sanitarios pero tamén porque perderían toda a súa esencia”, explica o alcalde, Juan González, quen considera que debido ao segundo adiamento do Solpor e a que Zapata pasará a setembro, o conveniente é abrir novas inscricións xa preto da data.

En principio, o Concello si mantén as festas de Santiago de Parada esta fin de semana a través do seu programa municipal #MúsicaNasParroquias e o concerto da Banda de Música o domingo 25 de xullo ás 20:00 na Alameda de San Campio e “El azote de los vagos” ás 22:00 horas con motivo da festividade de Galicia e de San Campio de Lonxe.