Concello de Nigrán e Sociedade Atlética Val Miñor retoman a carreira pola praia “Nigrán Area”

Concello de Nigrán e Sociedade Atlética Val Miñor, coa colaboración da Deputación de Pontevedra, Federación Galega de Atletismo e Deporte Galego, retoman o sábado 7 de agosto a décima edición da “Nigrán Area”, carreira popular de atletismo pola praia que é xa un referente da programación estival e deportiva na comarca.

Despois do parón en 2020, obrigado pola pandemia, volven as probas populares pero facendo un chamamento á responsabilidade colectiva. Nesta ocasión, por parte da organización optouse por unha saída dos maiores moito antes do habitual (ás 10:00 horas) para que os corredores non teñan que cruzarse con paseantes pola praia.

Está aberta a todas as categorías e terá saída desde Panxón. Os sub 16 percorrerán 2 km dende as 11:00, os sub 14 farán 1500 desde as 11:15, os sub 12 un quilómetro ás 11:30, os sub 10 percorrerán 300 metros ás 11:40, os sub 8 farán 200 metros ás 11:50 e rematarán a xornada atlética os máis pequenos que farán 100 metros de xeito simbólico.

O percorrido para a proba absoluta son 6 km do areal de Panxón-Praia América cando a marea está baixa. A proba conta coa supervisión da Federación Galega de Atletismo e será o protocolo desta federación o que se terá en conta á hora de tomar medidas contra a Covid. Este protocolo obriga a que as saídas sexan graduadas (máximo 10 atletas e cunha separación mínima de 1,5 m) e así se desenvolverán todas as probas da matinal. Na meta ofrecerase máscara e non haberá duchas nin servizo de gardarroupa debido ao protocolo establecido.

Os tempos serán recollidos por chip e farase unha clasificación en función dos tempos que reflicta ese chip que vai na zapatilla. Terá avituallamento ao remate, servizo de ambulancia, seguro de responsabilidade civil e seguro de accidente deportivo para os participantes. De igual xeito entregarase unha camiseta conmemorativa.

As inscricións poden realizarse a través da web da FGA dedicada ás carreiras populares http://www.carreirasgalegas.com (acceder a través da sección calendario).