Disfraces e máscaras toman Gondomar en pleno mes de xullo

As máscaras, caretas e disfraces tomaron Gondomar na tarde de onte sábado. Desde as 17:30 horas non foron poucos os que se animaron a participar na primeira edición dunha festa que poucos celebran a estas alturas de ano fóra de municipios como o de Redondela, que leva con esta tradición en activo desde 1997. Aos poucos veciños e visitantes tinguiron de cor a Praza Paradela da Vila Condal mentres os cubrebocas fixeron acto de presenza durante unha tarde de puro verán cunhas temperaturas por encima dos 30 graos e nin unha soa nube no ceo.

Así, a xornada foi discorrendo entre un ambiente festivo e caldeado pola agrupación Sarao Animación co seu pasarrúas titulado “Fantasía de Circo”, no que unha decena de artistas caracterizados de personaxes fantásticos saltaron, cantaron e bailaron á vez que tiraban do seu carro musical. As bromas e o humor foron un complemento obrigado na tarde de onte e xa a última hora e como colofón da xornada, o Trío Azar ofreceu un concerto a escasos metros do consistorio que comezou ao redor das 22:00 horas. A pesar de todo, a celebración trasladada a xullo tras a súa suspensión en febreiro obtivo moi boa resposta a pesar da súa limitada promoción, e desde o Concello non descartan repetir edición en 2022 para que acabe formando parte do calendario estival.

El pase de diapositivas requiere JavaScript.