Baiona asina por primeira vez na súa historia un convenio nominativo coa Agrupación Musical de Belesar

O Alcalde de Baiona, Carlos Gómez Prado, asinou o primeiro convenio nominativo da historia do Concello de Baiona coa Agrupación Musical de Belesar. O rexedor comprometeuse a dita asina coa agrupación e materializou as súas palabras coa rúbrica deste acordo. Con este xesto o mandatario quere mostrar todo o seu apoio “ao gran traballo e a actividade que dita agrupación desempeña en Belesar. A formación da parroquia baionesa leva máis de vinte anos realizando unha gran actividade cultural para os veciños e veciñas”.

No acto de firma participaron o Alcalde, Carlos Gómez Prado, e o Presidente da Agrupación, Carlos Giráldez Rodríguez, quen acudiu acompañado doutro directivo. O Concello de Baiona, na súa aposta pola cultura local e pola promoción de actividades educativas e musicais, asinou por primeira vez un convenio nominativo de 6.000 euros coa agrupación.

“Creamos por primeira vez unha subvención nominativa exclusiva para a banda”, explicou o alcalde, quen engadiu que “coa firma deste convenio queremos saldar unha débeda histórica coa Agrupación Musical de Belesar que desde fai máis de vinte anos leva o nome da nosa vila alá por onde van. Levando a imaxe de Baiona polo mundo e ligándoa sempre aos seus éxitos”.

Desta maneira, “logramos conservar e impulsar aquelas manifestacións artísticas e culturais que teñen un arraigamento notable no noso municipio”, indicou Gómez Prado, quen recalcou “a notable traxectoria musical da Agrupación Musical de Belesar, cuxa participación aumenta cada ano”. E é que na actualidade, a asociación conta cun gran número de alumnos e alumnas, do mesmo xeito que a banda, que está composta por un gran número de músicos e músicas, todos eles baixo a batuta de Javier Domínguez Millán.

Así, Gómez tamén quixo lembrar que a formación “leva a cabo un importante labor docente a través da escola. Nela fórmanse os músicos e músicas integrantes da banda e todos aquelas persoas interesadas en aprender a linguaxe musical”. Ademais, “coa súa participación en certames musicais e encontros a banda contribúe á promoción do noso municipio”, concluíu.