O prestixioso tenor José Manuel Zapata ofrecerá en Panxón o seu monólogo lírico “Del Revés”

O Templo Votivo de Panxón volverá ser protagonista dun dos grandes concertos de verán no municipio. Nesta ocasión, o Concello de Nigrán ofrecerá o monólogo lírico “Del Revés” do tenor José Manuel Zapata (Granada, 1973) o sábado 24 de xullo ás 22:00 horas no recinto do CPI Arquitecto Palacios (Panxón), con vistas privilexiadas cara a igrexa de Antonio Palacios. O prestixioso cantante, divulgador e escritor presenta un espectáculo creado durante a pandemia e estreado no Festival de San Lorenzo de El Escorial (agosto, 2020) no que mestura teatro e música con humor, sorpresas e anécdotas persoais. A maiores, ao finalizar, asinará exemplares do seu último libro “Música para la vida”.

Por razóns de seguridade sanitaria, o aforo está limitado a 200 persoas e os interesados deben anotarse antes do xoves 22 de xullo ás 13:00 horas en atencioncidada@nigran.org indicando nome, apelidos e teléfono de contacto (máximo de dúas persoas por solicitude, cubríndose as prazas por rigorosa orde de inscrición). Na web municipal, en portada, no apartado “Próximos Eventos”, está pendurado un dossier completo sobre este espectáculo.

Acompañado no escenario do pianista Daniel Oyarzabal e seguindo as directrices de Vanessa Martínez como directora de escena e dramaturga, Zapata abre o seu corazón para presentar unha obra teatral unipersoal e valente chea de música e na que une as súas tres grandes virtudes: o humor, a música e o saber comunicar. “É unha oportunidade que ningún amante das artes escénicas, en xeral, se debería perder. Mestura moitas disciplinas dando como resultado un espectáculo didáctico, divertido e, sobre todo, con música a cargo dun tenor de renome que ten actuado nos mellores escenarios do mundo”, explica a mezzosoprano e edil de Cultura, Nuria Lorenzo.

Despois da primeira peza nota algo raro entre o público. Durante a segunda, comeza a percibir claramente que algo inquietante e misterioso está a ocorrerlle á audiencia. Finalmente revélase o misterio, o que obriga a Zapata a cambiar de plans. O que parecía ser un concerto máis, convértese nunha fantástica viaxe a través da súa vida e a música que lle acompañou; unha ocasión única para saber en que pensa un tenor, como se relaciona coa súa voz, e por que, despois de pasar por todo tipo de experiencias, o motor da súa vida segue sendo un profundo amor pola ópera e o canto.

Biografía

José Manuel Zapata realizou estudos de canto en Madrid con Toñy Rosado Casas e con Ana Luisa Choia no Conservatorio Superior de Música de Valencia. Debutou en 2002 en Il turco in Italia de Rossini no Teatro Campoamor de Oviedo, baixo a dirección de Alberto Zedda. Unha rápida traxectoria levoulle a actuar no Metropolitan Opera House de Nova York, o Gran Teatre do Liceu de Barcelona, o Rossini Opera Festival de Pésaro, a Deutsche Oper de Berlín, a Semperoper de Dresden, o Teatro Real de Madrid e coliseos de Parma, Palermo, París e Viena antes de cambiar o rumbo da súa carreira orientándoa ao mundo da radio e a divulgación, sen deixar os teatros de ópera pero asumindo papeis de carácter.