A Xunta e Concellos do Camiño Portugués da Costa valoran positivamente a puxanza deste itinerario

O director de Administracións e Relación coas Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago, Ildefonso de la Campa, mantivo un encontro con alcaldes e alcaldesas de A Guarda, O Rosal, Oia e Baiona, xunto coa concelleira de turismo de Nigrán, co obxectivo de avaliar a situación do Camiño Portugués da Costa na fronteira con Portugual e a experiencia dos peregrinos que escollen este itinerario para chegar ata Compostela.

A xuntanza serviu para valorar positivamente a posta en marcha do ferri entre Camiña e A Guarda, que entrou en funcionamento a semana pasada, solucionando este paso fronteirizo de xeito más práctico. Este servizo complétase coas alternativas de uso das embarcacións coñecidas como taxi-mar, polo que considerouse de interese ver a posibilidade de ter nun futuro próximo outra liña de transporte de pasaxeiros no esteiro do Miño.

Outra das cuestión que se abordou foi a falta de colaboración do Concello de Vigo para a sinalización do Camiño Portugués da Costa, que é o único tramo que queda sen sinalizar debidamente neste Camiño. De la Campa aproveitou para lembrar que grazas á colaboración da hostalería da cidade, os peregrinos contan con información sobre o camiño ao seu paso pola cidade olívica.

Tamén se abordou a preocupación por parte destes alcaldes sobre a información que se está dando en Portugal sobre este itinerario Xacobeo. Neste sentido, Ildefonso de la Campa comprometeuse a comprobar esta situación coa Comisión Certificadora Portuguesa, organismo encargado de oficializar os itinerarios dos Camiños de Santiago en Portugal.

Recuperación da peregrinación

A reunión rematou facendo unha valoración positiva por parte dos asistentes tanto da recuperación na chegada dos peregrinos ao Camiño, como da evolución que, dende a súa oficialización no ano 2016, ten experimentado o Camiño Portugués da Costa, sendo un dos itinerarios Xacobeos que máis ten evolucionado en porcentaxe de peregrinos.

Ata este mes de xullo escolleron esta ruta máis de 1200 peregrinos, o 4% do total dos que recolleron a Compostela. Xunto ao Camiño Portugués, os peregrinos que escollen estas rutas xa representan o 23% do total.