“La Sombra” Martínez, campión de España de Boxeo, visita o Campus de Loita Olímpica de Baiona

O alcalde do Concello de Baiona, Carlos Gómez, e a concelleira de Deportes, Miriam Costas, visitaron o Campus de Loita Olímpica. Tratouse dun encontro especial xa que hoxe como actividade complementaria os nenos e nenas participantes recibiron a visita especial de “La Sombra” Martínez, campión de España de Boxeo. O vigués levou consigo o cinto do superwélter que conseguiu o pasado mes de marzo. Grazas á súa dereita gañadora, 20 anos despois a cidade olívica ten un novo campión de España.

O presente verán do 2021, a Concellería de Deportes do Concello de Baiona presenta un amplo e variado programa deportivo, pero destaca dunha maneira especial a oferta orientada aos campus, e é que, a política de fomento da práctica deportiva en xeral, co traballo de apoio do deporte federado en especial cos clubs locais, fan que cada día a oferta deportiva amplíese, o que posibilita a toda a poboación municipal que se beneficie do traballo anual ben desenvolvido.

Este ano ofértanse 19 campus que se poderán realizar o presente verán repartidos entre as 11 semanas de vacacións escolares para a conciliación familiar, con dez disciplinas no mes de xullo e outras nove no mes de agosto.

Entre as once modalidades ofertadas no mes de xullo atópase o Campus de Loita Olímpica, cuxo corpo técnico está composto por Juan López e Diego Otero. Esta modalidade tivo unha gran acollida entre a cidadanía e máis de corenta nenos e nenas están a participar nas súas actividades que mañá chegan ao seu fin.

O rexedor tivo unhas palabras para os máis pequenos e agradeceu ao Club de Loita Sabarís, encargado de impartir os coñecemento técnicos do campus, o seu gran traballo non só desenvolto no campus senón tamén por “levar o nome de Baiona alá por todos os lugares onde compiten e onde conseguen grandes resultados, pois o club conta cun gran palmarés”.