Últimas entradas dispoñibles para o festival Vive Nigrán 2021

O festival VIVE NIGRÁN regresa na súa 5ª edición ao recinto no que naceu en 2017 -o Campo de fútbol de Monte Lourido- coas entradas xa esgotadas para SIDECARS o sábado 17 de xullo e os abonos tamén esgotados. Seguen dispoñibles as últimas entradas para o xoves 15, venres 16 e a Sesión Vibra Mahou do sábado 17 en horario matinal. O festival adáptase nesta edición a un formato especial con aforos limitados e público sentado.

A xornada do xoves 15 en VIVE NIGRÁN promete ser toda unha festa de ritmos urbanos e frescos. WALLS será o encargado de arrancar a sesión desde as 20:00 horas. Este mozo murciano deuse a coñecer como rapero e freestyler participando nos últimos anos en numerosas batallas. WALLS mostra agora a súa faceta máis persoal cun disco no que estivo traballando desde 2019 e que agora presenta en directo. O dúo compostelán VERTO, un dos fenómenos musicais do momento, subirase ao escenario de Monte Lourido a partir das 21:30 horas para presentar o seu último traballo ‘Embora’ que os converteu nunha das referencias do novo son galego, con claras influencias da música pop, o trap e do R&B máis moderno. O trío LOCOPLAYA pechará a xornada do xoves coa súa peculiar festa canaria a partir das 22:50 horas. Considerados como o dream team da música urbana española, está composto por Don Patricio, Bejo e Uge e prometen toda unha festa de frescura e ritmos urbanos nos seus directos.

O venres 16 NATALIA LACUNZA comparte noite con GINEBRAS, na xornada máis indie desta edición. Natalia Lacunza despuntou como un dos novos talentos da música española con mellor futuro, despois de romper o estigma do seu paso por Operación Triunfo, cunhas composicións propias ao alcance de moi poucos. O concerto da moza navarra arrancará ás 20:30 horas. GINEBRAS pecharán a noite indie de VIVE NIGRÁN desde as 22:30 horas. Este cuarteto feminino entrou arrasando na escena indie nacional coa súa adictiva mestura de frescura e boas cancións. En pouco tempo convertéronse nunha das bandas que todo o mundo quere ver, cun dos directos máis enérxicos do momento e a súa peculiar visión do mundo pop.

SESIÓN VIBRA MAHOU MATINAL

O festival complétase coa Sesión Vibra Mahou, que inclúe os concertos de Shinova e Mounqup o sábado 17 de xullo en horario matinal a partir das 12:00 horas.

Os vascos SHINOVA chegan a Vive Nigrán da man de Vibra Mahou, a plataforma musical de Mahou Cinco Estrellas, patrocinador de Vive Nigrán na súa aposta por achegar ás persoas a través da música e reivindicar os encontros sociais seguros como algo esencial para vivir mellor.

Na Sesión Vibra Mahou participará tamén a artista franco-galega MOUNQUP nunha actuación vinculada á colaboración establecida entre a cervexeira, a Fundación Paideia Galiza e a Escola de Organización Industrial (EOI) co obxectivo de impulsar o emprendemento entre o talento musical emerxente.

As persoas que xa teñan entrada para algún dos días do festival, poderán asistir a esta sesión Vibra Mahou matinal coa compra dun suplemento de 4€ + gastos. E quen adquirise o abono, teñen esta sesión Vibra Mahou incluída, previa confirmación de asistencia a través de Ataquilla.com. Tamén se pode adquirir a entrada individual só para este concerto por 8€ + gastos. O concerto de Mounqup comezará ás 12:30 horas e o de Shinova ás 13:30 horas.

Os madrileños SIDECARS pecharán o festival o sábado 17 de xullo coas entradas xa esgotadas. O concerto comezará ás 22:30 horas aínda que as portas do recinto abriranse desde as 21:00 horas. Juancho (voz, guitarra solista), Gerbas (baixo) e Ruly (batería) compoñen a banda madrileña que se fixo un oco entre os primeiros nomes da escena pop do noso país, tras os seus traballos ‘Contra las cuerdas’, ‘Cuestión de gravedad’ e o seu último disco ‘Ruido de fondo’ que agora presentan en directo.

ÚLTIMAS ENTRADAS DISPOÑIBLES

As últimas entradas individuais para o xoves 15 e o venres 16 están dispoñibles a un prezo inicial de 25€ + gastos a través da web www.vivenigran.com e de Ataquilla. Tamén están dispoñibles as entradas para a Sesión Vibra Mahou matinal do sábado. Os abonos para todo o festival xa están esgotados, así como as entradas para a xornada do sábado.

VIVE NIGRÁN conta co apoio da Deputación de Pontevedra, Concello de Nigrán e Xunta de Galicia. Ademais, conta co patrocinio de Vibra Mahou (a plataforma musical de Mahou Cinco Estrellas), Radio 3, Gadis e Aqualia.

ACTIVIDADES PARALELAS

VIVE NIGRÁN é moito máis que música e por iso nesta edición volven as actividades complementarias cun programa que inclúe un roteiro guiado por Monteferro o mércores 14, a partir das 19:00 horas. Para esta actividade, organizada en colaboración co Concello de Nigrán, hai 10 prazas dispoñibles, para as 10 primeiras persoas que se inscriban por correo electrónico, a comunicacion@vivenigran.com achegando a súa entrada para esta edición de VIVE NIGRÁN e sexan seguidores de @vivenigran en Instagram.

Tamén está programado un concerto da Escola de Rock Gain Over de Nigrán, na Iglesia románica de Santiago de Parada o venres 16, desde a unha da tarde, dentro das actividades VIVE PATRIMONIO, en colaboración co Concello de Nigrán. Neste concerto participarán alumnos e profesores da Escola de Rock Gain Over de Nigrán. É gratuíto ata completar aforo.

O sábado 17 o mar é o protagonista, e dentro de VIVE ACTIVO están programados un roteiro de kaiak e pádel surf, de 16:00 a 18:00 horas, e o bautismo de surf, a partir das 17:00 da tarde en Praia América. Para o roteiro de kaiak & pádel surf, organizado en colaboración co Club Marítimo de Panxón, sortearanse 10 prazas entre as persoas que manden un correo electrónico a comunicacion@vivenigran.com e acheguen a súa entrada para VIVE NIGRÁN 2021 e sexan seguidores de @vivenigran en Instagram.

O bautismo de surf é outra das actividades paralelas nesta edición de VIVE NIGRÁN e organízase en colaboración con La Conservera del Surf, na praia de Patos. A inscrición realízase a través de comunicacion@vivenigran.com onde as persoas que dispoñan de entradas para o festival e que sexan seguidoras de @vivenigran en Instagram poderán acceder a un desconto especial. Hai 25 prazas dispoñibles a un prezo de 5€ por adulto/neno (idade mínima 5 anos). Estas actividades complementarias do festival realízanse coa colaboración da Deputación de Pontevedra, dentro do programa Rías Baixas Fest.