46 anos de vela de altura no Monte Real

FOTO: ARQUIVO MRCYB // O VII Trofeo Conde de Gondomar celebrouse en 1982 con vitoria do Vento de Manuel Fernández.

Creado en 1976 polo Monte Real Club de Yates e disputado sen interrupción desde entón, o Trofeo Conde de Gondomar consolidouse co paso dos anos como unha das regatas máis carismáticas do panorama náutico español, cunha historia repleta de grandes nomes da vela en Galicia que non convén esquecer, e unha das probas máis emocionantes da vela atlántica: o Baiona-Carrumeiro Chico-Baiona, de case 100 millas. En 2020 nin o COVID19 puido paralo e neste 2021 celebrará en Baiona a súa cuadraxésimo sexta edición baixo o nome de Gran Premio Zelnova Zeltia Banco Sabadell. Presentarase oficialmente o día 20 e celebrarase días 23, 24 e 25 de xullo.

Aínda que a historia do Trofeo Conde de Gondomar empeza a escribirse en 1976, co nacemento da competición, debemos remontarnos varios séculos atrás para descubrir a verdadeira orixe do seu nome, que xorde dunha pretendida homenaxe á figura de Diego Sarmiento de Acuña, primeiro Conde de Gondomar.

Fillo do gobernador de Galicia, ao mando militar da fronteira portuguesa e a costa galega, Sarmiento foi a figura clave no exército de 5.000 homes que, a pesar de ser recrutados a fume de carozo, lograron conter o ataque que o pirata máis famoso da historia, Francis Drake, ía perpetrar contra Baiona.

O 8 de outubro de 1585, o Conde de Gondomar asinou un dos capítulos máis importantes da historia da vila mariñeira galega, forzando a retirada dos 30 navíos e 1.500 homes cos que Drake pretendía facerse coa localidade, e foi nomeado “Gobernador da xente de guerra de Baiona e do Castelo de Monterreal”.

O Conde de Gondomar quedou así ligado para sempre á península do Monte Real, onde hoxe en día sitúase o Parador Nacional, que tamén leva o seu nome; e o Monte Real Club de Yates, que en 1976 decidía bautizar como Trofeo Conde de Gondomar a unha proba que, co paso dos anos, converteríase na regata de altura por excelencia en Galicia.

Nacía así unha das competicións máis importantes do panorama náutico español, baixo o mandato de Rafael Olmedo Limeses como presidente do club; e co almirante Rafael Lorenzo (comodoro), Humberto Cervera “Piruchi” (delegado de vela) e Alfonso Paz Andrade, como figuras claves na súa creación; xunto con Jesús Valverde, José Ramón Fontán, José de la Gándara e Rui Moreira.

FOTO: ARQUIVO MRCYB // En 1980, no V Trofeo Conde de Gondomar, o gañador do Conde foi o Moonduster do irlandés Dennis Doyle.

O 19 de agosto daquel ano, 29 barcos aceptaron o desafío e puxeron rumbo á zona de Cabo Silleiro, onde estaba previsto celebrar un triángulo olímpico que finalmente non chegou a disputarse por mor da néboa. A segunda das tres probas previstas en programa, un percorrido entre Baiona e Muros, tamén se suspendeu, esta vez por falta de vento; e a estrea do Trofeo Conde de Gondomar quedou reducido a unha única proba que gañou o “Ardora” (Contention 33) de Alfonso Paz Andrade e Julio Babé, patroneado por Gonzalo Romero.

Foi a primeira das catro vitorias consecutivas que encadearía o “Ardora” nas catro primeiras edicións do Conde de Gondomar, levando entre a súa tripulación a históricos da vela en Galicia como Fernando Massó ou Gonzalo Romero.

En 1980, a competición introduce cambios nos trazados que se deseñaron inicialmente, cunha nova proba de 120 millas entre Baiona-Povoa de Varzim-Baiona, que se suma ao triángulo olímpico e unha regata media con percorrido en forma de nove entre as Illas Cíes e Ons. O triunfo foi para o irlandés “Moonduster” (Swan 441), de Dennis Doyle, que chegara a Galicia coa regata Lymington-Baiona e decidiu estrearse tamén no Conde.

En 1981 prodúcese unha nova modificación nos percorridos. Dunha idea de Fernando García Tobío (do Comité de Regatas do club xunto con Alfonso Paz Andrade, Estanislao Durán e Jacobo Fontán) e en honra a Jesús Valverde, nacía o Baiona-Carrumeiro Chico-Baiona, unha histórica proba que se mantén ata a actualidade como unha das máis emocionantes do calendario regateiro peninsular.

O vencedor desa edición, e tamén da seguinte (1982), foi un barco doutra desas sagas históricas que xurdiron da náutica galega: o “Vento” de Manuel Fernández, quen moitos anos despois recibiría a medalla de ouro da Real Federación Española de Vela, máximo galardón da vela española.

Tras as vitorias do “Ardora” e do “Vento”, empezan a bordar o seu nome no cadro de honra do Conde de Gondomar os distintos Pairos de José Luis Freire. “El Pairo Tres” gañou por primeira vez en 1983, repetiu en 1984, e os seguintes modelos cos que Freire disputou o Conde, todos baixo o mesmo nome daríanlle outros 4 triunfos máis.

FOTO: ARQUIVO MRCYB // O Pairo IV de José Luis Freire gañador do Conde en 1988.

Ata o momento, José Luis Freire é o que maior número de vitorias logrou na competición. Suma un total de 6: tres na década dos oitenta (1983, 1984 e 1988) e outras tres nos primeiros anos do novo milenio (2003, 2007 e 2009). Na actualidade, aos seus 84 anos, o “Tibu” segue participando no Conde (non só como armador, senón tamén a bordo dos seus barcos) e, aínda que non volveu a lograr ningunha vitoria máis, está sempre entre os favoritos.

Seguindo o seu ronsel atopámonos ao “Aceites Abril” de Luis e Jorge Pérez Canal; que suman 4 vitorias, as mesmas que lograron no seu día o “Ardora” de Paz Andrade, o “Castrosúa” liderado por Willy Alonso e o “Alaxe” de Julio Martínez Gil. O barco dos irmáns ourensáns foi o protagonista indiscutible dos anos máis recentes, levándose o gran premio en 2013, e encadeando tres ouros consecutivos en 2016, 2017 e 2018.

Nos dous últimos anos, os vencedores foron o equipo do portugués Rui Ramada, que en 2019 repetiu co “Yess Too” o triunfo que lograra en 2014 co “Fifty”; e o “Magical” de Julio Rodríguez, que en 2020 reescribía o seu nome no histórico de gañadores do Conde, que xa asinara en 2001 co “Starfisher”.

Paz Andrade, Julio Babé, Gonzalo Romero, Manuel Fernández, José Luis Freire, Jaime Rodríguez Toubes, José María Lastra, Pedro Campos, Julio Martínez Gil, Gonzalo Araújo, Willy Alonso, Javier de la Gándara… son algúns dos armadores e patróns máis destacados da historia da vela en España que pasaron (e seguen pasando) polo Trofeo Conde de Gondomar.

Disputado sen interrupción desde 1976, a competición do Monte Real Club de Yates consolidouse como unha das regatas máis carismáticas de España e neste 2021 cumprirá a súa cuadraxésimo sexta edición baixo a presidencia de José Luis Álvarez. Celebrarase en Baiona os días 23, 24 e 25 de xullo baixo o nome de Gran Premio Zelnova Zeltia Banco Sabadell.

Incluirá, como vén sendo tradición, a histórica proba do Carrumeiro Chico, dunhas 100 millas de distancia, cuxo récord ostenta o Cenor & De Dietrich, un Farr 50 do Real Club de Regatas Galicia, que en 2011 pulverizou as cifras que o veleiro vasco Zorongo mantiña desde 1992. A tripulación arousá, liderada por Martín Bermúdez de la Puente, completaba a subida e baixada ao Carrumeiro Chico desde Baiona en apenas 11 horas, 56 minutos e 57 segundos, rebaixando en máis de 30 minutos os números logrados polos vascos 19 anos antes.

É unha reportaxe de Rosana Calvo, responsable de comunicación do MRCYB

FOTO: ARQUIVO MRCYB // Ao Aceites Abril dos irmáns Pérez Canal fáltanlle 2 vitorias para alcanzar o record do Pairo de José Luis Freire.