Mañá comeza a campaña extractiva do polbo en Galicia

Mañá a partir das 05:00 horas comeza en Galicia a campaña extractiva do polbo e prolongarase ata a data de inicio da veda do ano 2022 que se fixará a través do correspondente plan e se publicará antes do seu comezo. Así o especifica a resolución do plan experimental para a xestión desta especie durante a campaña 2021/2022. A apertura da campaña do polbo coincide co inicio da veda do choco na ría de Pontevedra, unha prohibición da súa captura que comezará o 19 de xullo na ría de Vigo e que se fixará proximamente no caso da ría de Arousa.

En canto ao polbo, o plan acordado pola Consellería do Mar e o sector para esta especie permanecerá vixente ata que se publique o plan do ano que vén, que fixará a seguinte veda. Segundo establece este documento, a partir do 5 de xullo -data na que remata a veda- ata o 31 de agosto a cota máxima de captura desta especie é de 30 quilogramos por barco e día. A esta cantidade engádenselle 30 quilos ao día por cada tripulante enrolado a bordo ata un máximo de 210 quilogramos ao día. No resto da campaña a cota máxima será de 50 quilos por embarcación e día, cantidade á que se engaden 50 quilogramos diarios por cada tripulante enrolado a bordo ata un máximo de 350 quilos por día.

O horario de traballo das embarcacións con nasa para polbo iniciarase ás 06.00 horas -aínda que poden saír do porto ás 05.00 horas- e finalizará ás 16.00 horas. O número de nasas permitido queda establecido en función do tamaño da embarcación e do número de tripulantes enrolados a bordo.

En canto ao réxime de calamento das nasas, de cabo Silleiro a Corrubedo os aparellos terán que levantarse do seu calamento e levarse a porto todos os días coas seguintes excepcións: na zona de cabo Silleiro a Con da Aguieira aquelas que estean establecidas en fondos superiores aos 20 metros poderán permanecer no seu calado sen ser levadas a porto incluso durante o período de descanso semanal. O mesmo rexerá para a cara oeste da illa de Ons, desde O Con da Serriña ata o illote do Centulo, onde as nasas poderán permanecer no seu calamento sen seren levadas a porto e sen limitación de profundidade.

Na zona de Con da Aguieira a cabo Corrubedo ata o 1 de outubro terán que levantarse as nasas e levalas a porto todos os días. Desde esa data ata o inicio da veda do ano seguinte, as nasas poderán permanecer caladas incluso durante o período de descanso semanal. No resto do litoral galego, as nasas poderán permanecer no seu calamento sen seren levadas a porto, incluso durante o período de descanso semanal.

A actividade será controlada a través do programa de seguimento e control levado a cabo pola Subdirección Xeral de Gardacostas de Galicia en colaboración cos gardacostas das confrarías de pescadores e os servizos contratados ao efecto.

Vedas do choco

No caso do choco, a veda na ría de Pontevedra comeza mañá e prolongarase ata o 31 de outubro, mentres que na ría de Vigo estará vixente do 19 de xullo ao 31 de outubro, ambos días incluídos. Trátase de períodos establecidos tras escoitar ao sector, ao igual que se está a facer no caso da ría de Arousa, onde está pendente a fixación da veda.

Deste xeito, nesas datas queda prohibida a captura, tenza a bordo, transbordo, comercialización ou venda desta especie con calquera das artes incluídas no decreto 15/2011 polo que se regulan as artes, aparellos, útiles, equipamentos e técnicas permitidos para a extracción profesional dos recursos mariños vivos en augas de Galicia. Estas vedas inclúen tamén a pesca marítima de recreo, de acordo co establecido pola normativa vixente.

No caso da ría de Pontevedra, a prohibición de capturar este recurso establécese dentro da liña que vai desde punta da Moa ata punta das Sinas. Mentres, na ría de Vigo a medida aplícase dentro da liña que vai de punta Monte da Guía a punta do Con. Son zonas que se corresponden co Anexo III do citado decreto 15/2011.

A veda do choco nas rías de Pontevedra e Vigo responde ás solicitudes entregadas pola Federación Provincial de Confrarías de Pescadores de Pontevedra co obxectivo de establecer e regular “medidas dirixidas á conservación e explotación responsable, racional e sustentable dos recursos mariños vivos”, obxectivo marcado pola Lei de Pesca de Galicia.