Unha trintena de establecementos participarán este domingo na feira de oportunidades “Portobelo”

Este domingo 4 de xullo a Asociación de Empresarios e Comerciantes do Val Miñor -OVALMI- en colaboración co Concello de Gondomar, celebra a 12ª Feira de Oportunidades do Val Miñor “Portobelo”.

Trátase dunha feira de carácter multisectorial na que participarán unha trintena de establecementos da comarca, polo que se poderán atopar todo tipo de artigos como roupa infantil, moda de home e muller, complementos, fogar, comida vegana, xeados, chuches, xoguetes e un longo etcétera.

“Portobelo” celébrase desde as 11:00 ata as 20:00 horas coa finalidade de promocionar os comercios do Val Miñor, reforzar o contacto cos clientes habituais, xerar outros novos, así como liquidar stocks dos establecementos.

Ademais, ao longo do día haberá actuacións e música en directo. Ás 13:00 horas actuará a escola de danza L’Danzia, e ás 18:00 horas a escola de danza DanzArte. O concerto de The Goonies pechará a feira ás 20:00 horas.