Adxudicadas as obras de humanización do cruce das rúas San Bieito e Emigrante en Gondomar

A Xunta de Goberno da Deputación vén de aprobar un novo investimento de preto de medio millón de euros para desenvolver dúas obras de mellora de infraestruturas baixo os parámetros do modelo de mobilidade amable e sostible da institución provincial nos concellos de Gondomar e Salvaterra. Son actuacións, como destacou a presidenta provincial Carmela Silva, dirixidas a “mellorar a seguridade e mobilidade peonil e rodada” nestes viarios.

No caso de Gondomar, o goberno acaba de adxudicar as obras de humanización da interconexión entre as rúas San Bieito e Emigrante coas estradas provinciais de Peitieiros e Chaín-Morgadáns, por un orzamento de 250.000€. Os traballos contemplan a ampliación e construción de beirarrúas cun ancho xeral de 2,5 metros e a habilitación de novos pasos de cebra elevados, tamén coa redución da velocidade para os vehículos. Incluirase tamén a renovación do alumeado público, recollida de pluviais e residuais e canalizaranse as instalacións de enerxía, alumeado e comunicacións.