Baiona reforzará a vixilancia cun dispositivo especial para evitar os botellóns ao longo do verán

Baiona afronta a súa primeira fin de semana da tempada estival cun dispositivo especial coordinado entre a Policía Local e a Garda Civil para evitar os botellóns. Desde o Concello, co obxectivo de continuar velando pola protección da saúde e seguridade da cidadanía na localidade, van adoptar medidas para vixiar as zonas e lugares de maior afluencia de persoas, evitando así agrupacións nas que non se cumpran as distancias, co principal obxectivo tamén de evitar os botellóns, que están prohibidos.

O concelleiro de Seguridade Cidadá, Óscar Martínez, sinalou que “non se vai a baixar a garda, e a Policía Local e a Garda Civil van seguir traballando para evitar un retroceso nos avances conseguidos fronte á pandemia, e vixiaranse os botellóns para previlos”, á vez que pediu “seguir mantendo a precaución, as distancias e minimizar os riscos de contaxios, levamos máis de dous meses en nivel de risco baixo e o programa de vacinación está a avanzar a bo ritmo polo que é necesario continuar garantindo a seguridade e a saúde de todos e todas”.

Desde o Concello de Baiona solicítase á cidadanía, especialmente ás persoas máis novas, e dado os rebrotes dos últimos días neste sector da poboación, continuar demostrando o comportamento cívico dos últimos meses, que transcorreron sen incidentes e con máximo respecto ás medidas sanitarias.

Para evitar estas aglomeracións a Policía Local e a Garda Civil van organizar un Plan Antibotellón. Os axentes realizarán controis itinerantes e estaranse movendo pola localidade, e polos lugares e zonas onde se adoitan concentrar as persoas mozas como o parque da Palma.

Pola súa banda, o Alcalde de Baiona sinala que “a Policía Local e a Garda Civil vai proceder a previr as agrupacións de mozos consumindo alcol nas prazas, parques ou zonas da vía pública, van comisar as bebidas, levantando actas de sanción, e pídese a máxima colaboración aos mozos. Ambos os dous efectivos continuarán traballando cunha dobre función nestas zonas co Plan Antibotellón, por unha banda preventiva, xa que coa presenza constante e os controis evítase que se monten os botellóns, e doutra banda punitivas sancionando o consumo de alcol na vía pública”.

Goméz expón que “desde a alcaldía e o departamento de Seguridade Cidadá reunímonos con Policía Local e a Garda Civil para coordinar as accións encamiñadas a garantir o cumprimento das normas anunciadas pola Consellería de Sanidade no noso municipio. Neste punto quero agradecer a colaboración e o traballo de ambos os dous efectivos”.