A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, e a delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, compareceron hoxe en rolda de prensa para dar conta da resolución da convocatoria de axudas destinadas ás entidades locais da Comunidade (concellos, consorcios, mancomunidades, agrupacións ou asociacións de concellos) para o desenvolvemento de iniciativas dirixidas a promover a igualdade e previr e tratar a violencia de xénero. En 2021, os apoios chegarán a 262 concellos (o 84% do total) que aglutinan o 89% da poboación galega; 13 no caso da comarca viguesa.
A Xunta investirá nesta convocatoria máis de 6,4 millóns de euros, dos que preto de 524.000 euros corresponden aos concellos da área territorial de Vigo. Con estes cartos facilitarase a implantación de programas e medidas de igualdade no ámbito local en Galicia, co dobre obxectivo de contribuír a que mulleres e homes teñan as mesmas oportunidades e de avanzar na erradicación da violencia de xénero.
Ao abeiro desta convocatoria, O Goberno galego financia actuacións de catro programas: (1) fomento da conciliación; (2) promoción da igualdade entre mulleres e homes e de prevención e tratamento da violencia de xénero; (3) apoio aos Centros de Información á Muller (CIM); e (4) o programa de sensibilización, información e difusión sobre a igualdade e prevención da violencia contra as mulleres.
Atendendo as axudas correspondentes á área territorial de Vigo, o primeiro dos programas conta con 29.784 euros cos que se apoian as iniciativas dos concellos de Vigo e Pazos de Borbén para o fomento das medidas de conciliación.
A segunda liña, que se centra na promoción da igualdade e da prevención e tratamento da violencia de xénero reparte 56.394,70 euros entre os concellos de Cangas, Salceda, Moaña, Soutomaior e Vigo. Coa mesma a Xunta financia accións orientadas a previr a violencia de xénero e mellorar a situación persoal, social e laboral das mulleres vítimas, das súas fillas e fillos e das persoas delas dependentes s e doutras mulleres en situación de vulnerabilidade. Estes apoios inclúen medidas de loita contra a explotación sexual, incluída a prostitución.
A terceira liña ten como obxectivo apoiar a rede de centros de información ás mulleres (CIM), integrada actualmente por 10 centros na comarca viguesa, con cobertura en 13 concellos. O Goberno galego apoia o financiamento dos postos de traballo dos CIM e dos axentes de igualdade ou de fomento do traballo en rede e de dinamización do territorio con enfoque de xénero, destinando 431.417,30 euros.
A cuarta liña céntrase na posta en marcha de medidas de sensibilización, información e difusión sobre a igualdade e prevención da violencia contra as mulleres. Na convocatoria deste ano destinasen 6.000 euros a Pazos de Borbén con cargo aos fondos do Pacto de Estado contra a violencia de xénero.
A Xunta leva investidos nestes programas desde o ano 2015 máis de 30 millóns de euros, o que permitiu axudar a máis de 50.000 mulleres e 17.500 familias.
A distribución destas achegas na comarca viguesa é a seguinte:
| Concello | Total concedido |
| Vigo | 72.000€ |
| Moaña | 57.000€ |
| Cangas | 53.502,42€ |
| Baiona | 45.000€ |
| Nigrán | 45.000€ |
| Redondela | 45.000€ |
| O Porriño | 45.000€ |
| Gondomar | 38.678€ |
| Pazos de Borbén | 39.450,67€ |
| Soutomaior | 27.738,67€ |
| Mos | 23.902,90€ |
| Fornelos de Montes | 20.000€ |
| Salceda de Caselas | 11.322,70€ |
| TOTAL | 523.596€ |

