Baiona substitúe 106 lámpadas de vapor de sodio por módulos LED

Baiona continúa coa modernización e actualización do alumeado público, puxando pola instalación de tecnoloxía LED. Estanse retirando 106 lámpadas de vapor de sodio de alta presión, con consumos de entre 100W e 150W, colocadas nas columnas fernandinas das rúas Elduayen e Avda. Ramón y Cajal. Estas serán substituídas por módulos LED cunha potencia de 23,5W, conseguindo un aforro dun 83% do consumo, valorado en 6.000 euros anuais.

Esta acción é cofinanciada por fondos FEDER-EELL nun 80%, Deputación de Pontevedra nun 15% e o Concello de Baiona nun 5%. Continúa coa liña marcada polo concelleiro de Alumeado Público, Óscar Martínez, de mellora da eficiencia enerxética no Concello, conseguindo unha iluminación de máis calidade e máis respectuosa co medio ambiente. Neste senso o concelleiro indica que “con este cambio nas luminarias redúcese a contaminación lumínica e conséguese un aforro, tanto enerxético como económico, moi importante”.

O Alcalde, Carlos Gómez, expresa que “é de agradecer a implicación da Deputación na consecución de fondos europeos para concellos coma o noso” e valora “o esforzo que dende o Concello de Baiona estase a facer para actualizar a rede de alumeado público ao século XXI”.