Deteñen a un veciño de Baiona por un suposto delito de violencia de xénero

A Policía Local de Vigo recibiu ás 1:35 horas da madrugada deste domingo unha chamada na Sala de Comunicacións do 092 sobre un posible episodio de violencia de xénero. Concretamente na rúa Cambeses, segundo o alertante, un home estaba a agredir á súa parella, na rúa. Á chegada da Unidade, observaron a unha muller, en vía pública, que resultou ser H.E.F, de Portugal e 75 anos de idade. Manifestou aos Axentes que se atopaba momentos antes no seu domicilio, coa súa parella actual, e que iniciaron unha discusión, no transcurso da cal lle propinara dúas puñadas no ollo dereito, botándolle ela as mans ao pescozo para defenderse da agresión.

Unha vez conseguiu zafarse do home, saíu á vía pública por medo a que a volvese a agredir, comezando a camiñar pola rúa, pero aos poucos metros, foi interceptada polo home, que a suxeitou fortemente do pelo e empuxouna en repetidas ocasións. No transcurso desa agresión, unha veciña increpáralle, motivo polo cal regresou ao domicilio, cesando a agresión. A muller presentaba lesións visibles no ollo dereito, solicitando os Axentes a presenza dunha ambulancia do 061, que tras unha primeira valoración procederon ao seu traslado ao Hospital Álvaro Cunqueiro.

Os Funcionarios trasladáronse ao domicilio, onde localizaron ao home, J.L.F, de Baiona e 64 anos de idade, que manifestou que en transcurso dunha discusión, a muller agredíralle, mostrando marcas de arañazos no pescozo, e que para defenderse, déralle dúas puñadas na cara. Por este motivo os Axentes procederon á súa detención pola suposta Comisión dun Delito de Violencia de Xénero.