
O Partido Popular apunta nun comunicado que o estado en que se atopa a coñecida como rotonda do peregrino é un exemplo da deterioración e o abandono do tramo do Camiño Portugués da Costa ao seu paso polo municipio por parte do goberno local. “A falta de sensibilidade e o compromiso do tripartito con este ben patrimonial e cultural que cumpre este ano media década do seu recoñecemento oficial que tanto custou conseguir e que tan boa acollida tivo durante este tempo entre quen se anima a facer o Camiño de Santiago”.
“Tras un ano de parón a causa do Covid-19, xa comezan a verse por Baiona os primeiros peregrinos que merecen a mellor das acollidas. Por iso instamos o goberno de Baiona a que realice as tarefas de mantemento correspondentes e poñan en marcha iniciativas de promoción e divulgación como as que están a levar a cabo outros da contorna, labor especialmente importante neste 2021 declarado Ano Santo Xacobeo. Por este motivo, o alcalde, Carlos Gómez, como responsable da área de Turismo do Concello, debe implicarse neste asunto e crear accións que axuden a visibilizar o tramo baionés”, afirman os populares.
Así, desde o grupo municipal popular reclaman ao tripartito que continúe apostando polo Camiño Portugués da Costa, “como o fixo o goberno anterior”, como elemento desestacionalizador do turismo local, xerador de emprego e dinamización económica, algo tan necesario neste momento tras a crise xerada pola pandemia. “Ademais de que os veciños non se merecen vivir nunha Baiona que proxecta mala imaxe, temos que ser conscientes de que o Camiño é un escaparate de promoción único e debemos conseguir que na retina dos peregrinos quede un bo recordo do noso municipio para que, nun futuro, decidan volver coas súas familias”, consideran desde o PP.