Noel Martín cólgase a medalla de prata Elite na CRI do Campionato de España

Noel Martín non se baixa de grandes podios. Seis días despois de proclamarse campión do mundo de tándem en Portugal, o abulense do Vigo-Rías Baixas logrou en Busot (Alacante) a medalla de prata Elite na contrarreloxo individual (CRI) do Campionato de España. É o segundo metal na súa historia que a entidade presidida por José Luis Chamorro consegue na gran cita estatal do ciclismo na estrada.

O corredor de El Arenal saíu a por todas no percorrido de 32,1 quilómetros e no punto intermedio (km 16) quedouse a só 7 segundos do mellor tempo Elite, establecido por Eloy Teruel (Brocoli Mecánico). Finalmente, a diferenza na liña de meta entre os dous primeiros clasificados foi de 45 segundos, con Martín detendo o reloxo en 43:36. O podio completouno José María García (Valverde), cun “crono” de 44:42.

O gran rendemento ofrecido polo novo subcampión de España Elite queda de manifesto coa 23ª praza que asinou na táboa absoluta, na que se inclúen a ciclistas profesionais. Martín bateu a sete corredores que compiten ao máximo nivel mundial. O outro representante do Vigo-Rías Baixas nesta contrarreloxo, Miguel Ángel Fernández, terminou 13º entre os elites (47:59).

Prades

O conxunto flúor buscará aumentar o seu botín de medallas o domingo na carreira en liña, compartindo pelotón cos equipos profesionais. Benjamín Prades exercerá de xefe de filas da formación que dirixe Marcos Serrano e parte como un dos favoritos á vitoria. Esa consideración resulta lóxica botando unha ollada aos resultados obtidos nesta proba durante a súa etapa como profesional. Desde 2015 terminou catro veces entre os quince primeiros, sobresaíndo o cuarto posto logrado en 2019.

O catalán, gañador a pasada fin de semana da Rolda do Maestrat, atoparase este domingo en La Nucía un percorrido ideal para as súas características: 183 quilómetros, con cinco portos de montaña e un desnivel positivo acumulado de 4.604 metros. Prades terá como compañeiros de equipo a Miguel Ángel Fernández, Ander del Castaño, Jordi Galindo, Jesús Cobelo e Jon Tena.