A segunda edición de Sona Gaifar concéntrase nunha mesma fin de semana e amplifica a súa proposta musical

Sona Gaifar, o ciclo de concertos e sesións de DJ que naceu o pasado verán en Nigrán como unha proposta dedicada á música electrónica e outros estilos fronteirizos, muda este ano cara un formato de minifestival de dous días, condensado nunha mesma fin de semana. O que non cambia é o concepto e o espírito do proxecto: contribuír á complementar a oferta musical e cultural do verán na localidade, a través de propostas musicais inéditas e conectadas con correntes actuais, e apoiar ó tecido artístico e ás empresas colaboradoras e provedores de Nigrán, Val Miñor e contorna de influencia.

O formato, duración do evento e número de propostas artísticas deste ano seguen condicionados polo excepcional da situación que vivimos. Pese a elo, Sona Gaifar presenta un cartel cunha notable presenza de artistas femininas, un equilibrio entre propostas emerxentes e outras de maior percorrido nas súas carreiras, e unha compoñente estilística que atende a diversas manifestacións da música electrónica.

Sona Gaifar é un evento promovido polo Concello de Nigrán, con apoio da Deputación de Pontevedra a través do Plan Concellos, e coa produción e comisariado artístico de Certain Music e o xestor cultural nigranés Victor Flores.

Programación venres 9

Sona Gaifar abrirase o venres cun formato mixto. Por unha banda, a presentación do libro “Balearic, historia oral da cultura de club en Ibiza”, un exhaustivo traballo que recolle a orixe e evolución da escena cultural, musical e de clube en Ibiza ó longo de case seis décadas a través dun centenar de entrevistas cos seus protagonistas locais e internacionais. Nunha conversa moderada por un dos directores de Sona Gaifar, Víctor Flores, os seus autores, Luis Costa e Christian Len debullarán os detalles deste extenso tratado que recolle a orixe de Ibiza como epicentro dunha cultura musical de alcance mundial, dende os anos 60 ata a actualidade. Ambos son xornalistas, DJ’s e axitadores musicais de longo percorrido. Luís Costa é responsable de prensa de Razzmatazz Clubs de Barcelona, onde tamén exerce como DJ regularmente, e é tamén autor do libro “Bacalao! Historia oral da música de baile en Valencia, 1980-1995” (Contra, 2016). Christian Len é DJ e xornalista, especializado en radio musical. Traballou para diversas emisoras (entre elas Sónar Radio, Radio Primavera Sound ou Ibiza Sónica) e é promotor das festas Homies no lendario Pikes Hotel. Despois da conversa ó redor do libro, ambos ofrecerán unha sesión de DJ baseada nos sons do denominado son Balearic.

Programación sábado 10

O sábado o programa presenta dúas sesións de DJ e dous concertos en formato audiovisual. Abrirá a programación Toccororo, unha DJ, bailarina e modelo con sangue cubana e galega, ademais dunha das caras mais frescas e xoves dunha nova xeración de artistas sen complexos. Traballa a medio camiño entre Vigo e Madrid, e nas súas intensas sesións mestúranse estilos moi diferentes, dende o Dancehall ós Afro Beats, Dembow, Hip Hop ou R&B.

Outro dos obxectivos de Sona Gaifar é tender pontes con artistas e promotores do norte de Portugal, favorecendo o intercambio e transvase de propostas artísticas. Helena Guedes é unha das DJ’s e selectoras mais interesantes da efervescente escena de Porto, con sesións habituais en Pérola Negra Radio, Dublab ou no canal de streaming Alinea A, ademais dos clubes e festivais mais destacados de Portugal. A súa selección musical abrangue un enorme entusiasmo pelo Jazz, Reggae, Dub, Calypso, Soul, Boogie, Disco e tamén por sons electrónicos de baile (House, broken beats…).

O primeiro concerto ven da man de EQX, misterioso proxecto lucense que nace da unión dun produtor bonaerense e unha cantante, coa intención de mergullarse na innovación e a experimentación. O seu son é unha mestura de avant-pop, breakbeat e ritmos acelerados que convidan ó baile. En Sona Gaifar estrearán o seu primeiro disco, publicado a mediados de xuño, e estarán acompañados do artista visual Martiño Porto, tamén responsable do vídeo do seu tema “Lois”, que conta con letra dun poema do lembrado poeta Lois Pereiro.

Pecharán a noite Jus Kno’, dúo formado polos asturianos, Alex Aller (produtor musical) e Pablo Villanueva (artista visual). Ambos uniron forzas en 2015 para desenvolver un proxecto onde a música e a imaxe coexisten baixo unha soa identidade. Levan publicado 5 EPs e un LP, “Looped Circles”, editado este ano, unha viaxe emocional a través das vivencias de ambos durante 2020. No seu directo propoñen unha mestura de capas de son a través de instrumentos electrónicos, sintetizadores e guitarras, acompañada dunha rotunda narrativa visual.

A entrada ó evento é de balde ata completar aforo, e o público asistente deberá cumprir os protocolos Covid vixentes recentemente definidos para espectáculos ó vivo. Toda a información a este respecto publicarase na web e redes sociais do festival.