Larriba alerta da subida do consumo de alcohol e drogas ao volante na provincia

A subdelegada do Goberno visitou esta mañá un control móbil da Garda Civil para presentar a campaña de especial vixilancia do consumo de alcohol e drogas que arranca hoxe. Nos próximos días intensificaranse os controis sobre este factor de risco que, non só incrementa a taxa de incidencia de accidentes, senón tamén a gravidade dos mesmos.

A subdelegada de Goberno, Maica Larriba, visitou hoxe xunto á xefa provincial da Dirección Xeral de Tráfico, Paula Yubero, e o capitán da Garda Civil responsable da agrupación de Tráfico, Antonio Pérez Piteira, un control móbil no punto quilométrico 111,700 da estrada N-550, no municipio de Pontevedra, con motivo do inicio da campaña nacional de especial vixilancia do consumo de alcohol e drogas ao volante.

Durante a súa visita a subdelegada coñeceu de primeira man o traballo realizado polo subsector de Tráfico da Garda Civil nas estradas da provincia durante este tipo de campañas. A última realizada a nivel nacional entre o 7 e o 13 de decembro do ano pasado supuxo a realización de máis de cen mil probas en toda España. Un 0,95 % dos condutores identificados deron positivo en alcohol e o 38,78% en drogas.

A nivel provincial a subdelegada informou de que “a agrupación de Tráfico da Garda Civil na nosa provincia realizou nos cinco primeiros meses do ano 2021 un total de 83.644 tests de alcoholemia dos cales o 1,6% foron positivos”. Segundo os datos facilitados pola DXT, a nivel xeral na nosa provincia e no tocante aos controis de alcoholemia, o 47 % dos mesmos realizouse entre o venres e o domingo, chegando a taxa de positivos durante estes días ata o 1,92%. De feito, o 56,86% das probas con resultado positivo producíronse durante as fins de semana.

O 82% dos test leváronse a cabo de maneira preventiva e só un 15% cando se produciu unha infracción. O 1,71% das probas de alcoholemia preventivas deron resultado positivo. En total, durante o 2021 en Pontevedra, 1.186 condutores foron multados con sanción económica e retirada de puntos do carné de conducir e 154 foron postos a disposición xudicial por un delito contra a seguridade viaria.

A subdelegada ofreceu tamén os datos dos anos anteriores, “que van na mesma liña”. Durante o 2020, un 1,76% dos condutores controlados deron positivo e o 62% dos controis realizados producíronse en fin de semana, onde a positividade subiu ata o 1,75%. En 2019, a taxa de positividade foi do 1,72%, a pesares de que só o 53 % das probas realizouse en fin de semana. Con todo, a positividade de venres a domingo acadou unha taxa do 2,1 % ese ano”.

Así mesmo, Larriba quixo sinalar que “nas probas positivas, tanto de alcohol como drogas, os homes teñen unha prevalencia por encima do 90%”.

Con respecto ás probas de drogas, nos cinco primeiros meses deste ano realizáronse 2.360 tests que deixaron unha taxa de positivos do 54,45%. De novo os homes entre os 25 e 44 anos están entre os máis incumpridores. En total, durante este período 1.282 condutores foron sancionados e 3 postos a disposición xudicial.

A subdelegada subliñou que “se hai un dato importante e é que a taxa de positividade por drogas nestes cinco primeiros meses do ano está a ser moi alta, incrementándose case en dez puntos porcentuais con respecto ao 2020. Durante os doce meses do ano pasado, a pesar das restricións de mobilidade durante gran porcentaxe con máis de 1.600 condutores denunciados. Non obstante, este ano a taxa sube por riba dos 56 puntos”. Para Larriba, esta “repunta do consumo de alcohol e drogas ao volante na provincia, por encima dos niveis nacionais, é moi preocupante”. Neste sentido, a subdelegada lembrou que “a pesar de que todos desexamos retomar a actividade após da pandemia, é necesario ser moi conscientes de que a nosa vida, a dos nosos acompañantes e a das persoas que circulan polas nosas estradas é o máis valioso que temos”.

A este respecto, Larriba quixo sinalar “a terrible cifra que rexistra a provincia neste mes de xuño, coa perda xa de seis vidas humanas nas estradas”. A subdelegada subliñou que dos 16 falecidos en vías interurbanas no que vai de ano, 6 deles producíronse no que vai deste mes, e engadiu que “por iso é necesario que agora que estamos a recuperar a mobilidade sexamos moi cautos na nosa condución e non engadamos riscos innecesarios como o alcohol ou as drogas. A única taxa valida ao volante é a de 0,0”.

Os perigos do alcohol para a condución

Na actualidade, a taxa máxima de alcohol permitida sitúase nos 0,25 gramos por litro de aire expirado. Cunha taxa de entre 0,3 e 0,5 gramos por litro o risco de sufrir accidentes multiplícase por dous. Cando esta taxa está entre 0,5 e 0,8 gramos litro o risco multiplícase por cinco e cando se sitúa entre os 0,8 e 1,5 gramos por litro, o risco multiplícase por nove. No primeiro tramo aumenta o tempo de reacción, subestímase a velocidade e aparecen problemas de coordinación e a medida que avanzamos no aumento da taxa pérdese percepción da distancia, xorden problemas de visión e aumentan os problemas de atención e coordinación.