O PP de Gondomar pide ao concello o arranxo do camiño da Barbeira en Couso

O Partido Popular de Gondomar levou ao pleno do pasado xoves unha moción, que foi rexeitada polo goberno municipal, para o arranxo urxente do camiño da Barbeira en Couso, que comunica as estradas autonómicas PO-341 coa PO-340. Na moción o PP gondomareño facía constar que o citado camiño presenta varios desperfectos no seu firme que necesitan dunha actuación urxente, sobre todo na zona da ponte, na cal a auga está erosionando o firme ata o punto de faltar parte do camiño, o que pode provocar a caída de calquera usuario da vía. O mesmo ocorre coa ponte, a cal fáltanlle varias pedras de protección lateral. Un pouco antes da citada ponte o firme do camiño presenta unhas grandes deficiencias que necesitan tamén dunha intervención urxente, cara evitar unha maior degradación do mesmo.

O alcalde, que non quixo darlle importancia á perigosidade que supón o feito de que parte do camiño estéase caendo polos efectos das riadas de auga, coas graves consecuencias que isto poida traer para os usuarios do mesmo, argumentou que hai un proxecto no Plan Concellos do ano pasado para arranxar este camiño, cousa que dubida o PP que de ser así debería estar xa executado pola importancia do mesmo.

A voceira do Partido Popular pediulle que ata que non se executen as obras se sinalice o perigo existente, antes de que calquera usuario do camiño poida caer da ponte á que lle faltan varias pedras de protección ou no burato que hai un pouco antes, e ao mesmo tempo se reparen as fochancas existentes no mesmo camiño.