Podemos e EU Nigrán propoñen medidas para favorecer a instalación de fibra óptica no municipio

As formacións locais de Podemos e Esquerda Unida en Nigrán únense á reivindicación da cidadanía exposta en prensa e nas redes sociais pola que se solicita que o despregamento de fibra óptica chegue a todos os fogares do municipio que así o soliciten.

Tomando en consideración que segundo o disposto na lei de telecomunicacións e nos diferentes plans de despregamento as empresas telefonistas son as que deciden unilateralmente onde chega esta infraestrutura, solicitan ao Concello de Nigrán que tome medidas co propósito de acelerar está instalación e así facilitar a vida, traballo, negocios, estudos, etc. da cidadanía de Nigrán.

Principalmente instan ao Concello de Nigrán a que planifique unha reunión cos colectivos e persoas afectadas pola exclusión de termos no plan de despregamento, e paralelamente xunto aos/ás técnicos/as da empresa responsables do proxecto, co obxectivo de realizar un estudo sobre a viabilidade da instalación da fibra óptica nestas zonas.

Así mesmo propoñen crear unha oficina de asesoramento á cidadanía no consistorio, co fin de facilitar a información precisa para realizar solicitudes masivas ás compañías telefónicas e que estas tomen en consideración e inclúan nos seus plans de desenvolvemento a instalación da fibra nas zonas de Nigrán sen cobertura.