O Sergas inicia o ensaio clínico da vacina contra a covid-19 en menores de 12 anos

O Servizo Galego de Saúde iniciou esta semana o ensaio clínico en menores de 12 anos coa vacina de Pfizer-BioNTech que se está a levar cabo no Hospital Clínico de Santiago. Onte luns, os primeiros voluntarios xa recibiron a primeira dose da vacina ou do placebo, mentres que ao longo da semana completaranse as 25 inmunizacións previstas nesta primeira fase, en nenos de entre 5 ata os 12 anos. En fases posteriores, irase desescalando en idades ata chegar a nenos de 6 meses de idade e aos 55 participantes.

Trátase dun estudo dobre cego que consiste en que a unha parte dos rapaces subministraráselles, nun primeiro momento, un placebo. Os participantes recibirán unha inxección cun intervalo aproximado de 3 semanas e aqueles que reciban placebo (un terzo) terán oportunidade de recibir a vacina dentro do estudo.

O Hospital Clínico de Santiago é o único centro sanitario galego en participar neste estudo mundial que busca afondar na avaliación da seguridade, tolerabilidade e inmunoxenicidade da vacina Pfizer-BioNTech COVID-19 na prevención desta enfermidade en nenos sans de 6 meses a 11 anos incluídos.

Neste ensaio do Sergas participarán 55 nenos sans que formarán parte do estudo mundial no que está previsto que se inclúan 4.644 rapaces, 557 deles en España. Para levalo a cabo, páutanse visitas de control e haberá un período de seguimento de cada neno de dous anos. Aos pais e coidadores se lles pide que rexistren calquera cambio na saúde dos nenos nun diario electrónico que se lles facilita.