O Punto Limpo de Gondomar xestionou 309.500 quilos de residuos no 2020, un 70% máis que o ano anterior

O Concello de Gondomar continúa o seu camiño cara un municipio máis sostible, apostando por unha política que prioriza accións na procura dese obxectivo ao longo de todo o ano. Dende a Concellería de Medio Ambiente, dirixida por Brais Misa, quérense subliñar as importantes accións desenvolvidas para mellorar as instalacións do Punto Limpo municipal, e actualizar a normativa que o regulaba adaptándoa á nova realidade e ás novas necesidades da veciñanza, cada vez máis concienciada medioambientalmente. Proba delo é que só de abril a decembro de 2020 recibiu un 70% máis de quilos de residuos que con respecto ao mesmo período de 2019.

En total o ano pasado depositáronse 309.502 quilos de residuos de todos os tipos. O material que máis depositado no punto limpo foi madeira, en forma de mobles ou doutros elementos a reciclar, con case 87.000 quilogramos. En segundo lugar sitúanse entullos variados (formigón, ladrillo, tellas e materiais cerámicos), con 42.300 quilos, seguidos dos máis de 36.000 kg de poda depositados, os 32.840 de metais e os 25.530 de voluminosos.

Por outro lado, os plásticos xeraron case 16.300 quilos de residuos que foron trasladados ao punto limpo e os aparatos con circuítos de gases refrixerantes o amoníaco (como neveras o conxeladores, entre otros) que representaron un total 14.343 quilogramos. Ademais, recolléronse 9.200 kg de colchóns, case 3.000 de pneumáticos fóra de uso, 1.320 kg de roupa e calzado e 1.120 de vidro.

Xa por debaixo desas cantidades tamén se depositaron no punto limpo pinturas e vernices con e sen disolvente (972 kg), aceites vexetais (935), aceites minerais (900), pilas (498), tubos fluorescentes e lámpadas de descarga (275), envases compostos como bricks ou tóner (190), baterías de chumbo (53), aerosois procedentes de vehículos (37), envases de metal ou plástico contaminados (34), filtros de aceite (33) e ata absorbentes e trapos de limpeza (4 kg).

Un 30,4% máis de tipoloxías

Unha das principais novidades deste renovado Punto Limpo foi a ampliación por parte do Concello da tipoloxía de residuos e das cantidades máximas que se poden depositar, o que repercutiu nun aumento do 30,4% na tipoloxía de residuos entregados en cada recepción realizada. Ademais, nesta aposta por adaptar as instalacións ás necesidades da veciñanza creouse un lugar específico para Residuos e Aparellos Eléctricos e Electrodomésticos (RAEES), que cada vez adquiren maior importancia e requiren máis espazo. Neste sentido, no ano 2020 o punto limpo recorreu 13.860 quilos de monitores e pantallas, 12.800 kg de grandes aparellos eléctricos e electrónicos e outros 10.218 de pequenos aparellos.

Crece o número de usuarios

Unha aposta por parte do goberno que atopa unha resposta directa por parte da poboación de Gondomar como demostran as 2.498 entradas de usuarios e usuarias rexistradas de abril a decembro de 2020 de 2020, o que representa un incremento dun 11,5% respecto ao mesmo periodo do ano anterior. Máis do 52% destas entradas foron de veciños e veciñas procedentes das parroquias de Vincios (700 usuarios e usuarias) e Gondomar (608), seguidas xa de lonxe por Vilaza (197), Donas (189), Chaín (186), Mañufe (174), Peitieiros (169), Morgadáns (115), Borreiros (112) e Couso (48). Por cada entrada deses usuarios nas instalacións do punto limpo rexistráronse unha ou varias entregas de residuos, xerando en total 16.291 depósitos.

O Punto Limpo, situado na Pasaxe, en Vincios, busca converterse nun centro ambiental moderno que permita a particulares levar residuos que non son susceptibles de ser depositados nos colectores orgánicos ou de reciclaxe, garantido a súa correcta xestión.

Lémbrase que o punto limpo é un servizo exclusivo para persoas empadroadas en Gondomar, titulares catastrais, persoas arrendatarias ou terceiros con autorización. Todo o material que chegue deberá estar xa seleccionado e hai limitación de cantidades en función da tipoloxía de residuo.

As instalacións están abertas ao público de luns a xoves en horario de 16.00 a 19.00 horas e venres e sábado de 09.00 a 13.00 horas. Ademais, o Concello ten a disposición da veciñanza un servizo de recollida de voluminosos co que contactar a través do teléfono gratuíto 900 107 382.