Baiona permitirá instalar televisións nas terrazas durante a Eurocopa e os Xogos Olímpicos

FOTO: PEPE COSTAS // Vendo a final da Eurocopa 2008 nunha terraza de Elduayen.

A participación de España na Eurocopa de Fútbol 2021 e os Xogos Olímpicos de Tokio 2020 son acontecementos que, ademais do lóxico interese deportivo, xeran un incremento da actividade do sector da hostalería dado ao gran seguimento que teñen todos os partidos, especialmente os da Selección Nacional.

En atención ao crecemento e proxección do sector hoteleiro baionés, e co obxectivo de facilitar a animación e o encontro dos veciños nas rúas os días de partido, o Concello permitirá excepcionalmente aos establecementos que conten coa autorización pertinente, trasladar ás terrazas e veladores, pantallas e dispositivos audiovisuais, sen amplificación de son, cumprindo sempre coa normativa de ruídos, para que dese xeito os seus clientes poidan seguir ao aire libre a retransmisión dos respectivos encontros.

Esta medida terá vixencia durante a Eurocopa de Fútbol, que vai dende o 11 de xuño ata o 11 de xullo de 2021, e para os Xogos Olímpicos de Tokio, que van do 23 de xullo ao 8 de agosto de 2021.

Segundo sinala o alcalde, Carlos Gómez, o Concello ten a convicción do bo criterio e sentido común dos empresarios e hostaleiros baioneses, así como dos clientes e usuarios, á hora de facer compatibles o seguimento deportivo co necesario dereito ao descanso dos veciños.