Nigrán destinará 700.000 € da Deputación ao pavimentado de 51 viarios municipais

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra vén de dar luz verde a novos recursos para os concellos da provincia por 3,5 millóns de euros enfocados a mellorar as infraestruturas viarias e de iluminación destes municipios, baixo o modelo de mobilidade sustentable e eficiencia enerxética que promove a institución provincial. Dunha banda, a Xunta deu luz verde a 6 novas achegas da Liña 1 de Investimentos do Plan Concellos 2021 para os concellos de Nigrán, Cambados, Agolada, Gondomar, Forcarei e Poio, que suman 1,6 millóns de euros e están dirixidas á mellora de viarios municipais e á súa integración na contorna.

No Val Miñor, Nigrán recibirá unha importantísima achega de 702.800 € para financiar o pavimentado de camiños de titularidade municipal. É unha ambiciosa actuación para renovar a rede viaria municipal, cun total de 51 viarios nos que se actuará nos seus diversos treitos. Este concello destina integramente a cantidade que lle corresponde da Liña 1 do Plan Concellos a este proxecto. Pola súa banda, Gondomar contará cunha achega de 136.063 € para a mellora da pavimentación na estrada Areíña-Tercias e no Camiño do Monte, na parroquia de Vilaza, dentro da aposta do Concello por mellorar a contorna rural.