Os quioscos de praia de Nigrán xa están a pleno funcionamento

O Concello de Nigrán conta xa cos quioscos de praia do litoral funcionando a pleno rendemento desde hai dúas semanas e así seguirán ata o 30 de setembro despois de que o ano pasado, por mor do confinamento que obrigou a retrasar toda a tramitación, só estivesen 3 meses operativos. En total, o Concello sumará uns ingresos polo alugueiro dos 8 postos de 140.193 €, resultando a oferta máis cuantiosa a do paseo de Praia América (31.613 € fronte ao mínimo de 24.000 € que contemplaban as bases) e a menor a de A Madorra (5.350 € fronte aos 2.500 € mínimos que se requirían).

En total, os areais de Nigrán contan con 7 quioscos de venda de xeados, refrescos e alimentos (2 en Patos, 1 en Area Fofa, 1 na Madorra, 1 en Panxón, 2 en Praia América, e 1 de venda de churros tamén nesta praia). Como o ano pasado, os pregos obrigan ao adxudicatario a cumprir en todo momento a normativa Covid-19.

“Este verán, fronte ao ano pasado, os quioscos retoman o seu periodo de explotación habitual, o que resulta positivo economicamente para as dúas partes, Concello e adxudicatarios. Temos que ter en conta que este é un servizo de praia que dá traballo a diferentes familias e que, ao mesmo tempo, os cidadáns agradecen, especialmente nestas circunstancias, cando o máis saudable é estar ao aire libre”, indica o alcalde, Juan González.