O Trofeo MRW encumbrará en Baiona aos novos campións galegos A Dous

As Rías Baixas acollerán o vindeiro sábado a celebración dunha nova edición do Campionato Galego de A Dous, unha proba que o Monte Real Club de Yates encargarase de organizar por delegación da Real Federación Galega de Vela. Este é o décimo ano consecutivo que o club baionés pon en escena, no marco do Trofeo MRW, unha das citas máis emocionantes coa vela en Galicia, e tamén unha das máis esixentes, xa que os patróns unicamente poden levar a bordo a un tripulante.

Cos equipos reducidos ao máximo, os participantes deberán completar un percorrido que os levará desde Baiona ata as proximidades de Ons. Terán como pasos obrigados as balizas de Carallones, La Negra e Cíes ata o Faro Camouco, onde deberán virar para emprender regreso cara á baía baionesa pasando polo illote de Viños, en Cíes; e de novo por La Negra e Carallones.

Na competición entrarán en xogo, ademais dos galardóns do Trofeo MRW, os títulos de Campión Galego de A Dous, tanto na clase ORC como na clase J80. E este ano, como novidade, entregarase tamén unha distinción ás Campioas Galegas de A Dous, que irá parar ao mellor equipo feminino; e outra ao Campión Galego Mixto, que recibirá aquel veleiro que, tripulado por un home e unha muller, obteña os mellores resultados na proba.

Estes novos títulos outorgaranse a condición de que haxa un mínimo de barcos rexistrados en cada categoría, algo que non se saberá ata o peche do prazo de inscrición o vindeiro venres día 4. Ata o momento, xa confirmaron a súa participación na proba 17 equipos dobres, entre os que se atopan 12 aspirantes ao título de ORC e 5 monotipos J80.

Desde a organización esperan roldar a trintena de veleiros e establecer todas as divisións das clases convocadas á proba, que estará dedicada un ano máis ao que fose presidente do Monte Real Club de Yates durante máis de 40 anos, Don Rafael Olmedo.

Os vencedores da última edición do Campionato Galego de A Dous foron Javier de la Gándara e Diego Fernández, quen a bordo do Okofen proclamáronse gañadores con total autoridade. Lograron sacarlles 15 e 20 minutos de vantaxe ao segundo e terceiro clasificados: o Ay Carmela! (Liceo Marítimo de Bouzas) tripulado por Juan Martínez e Ignacio Correa; e o Orión de Javier Pérez e Esteban Gañete (MRCYB).