Correos lanza “Equality Stamps”, unha colección de selos contra a discriminación racial

Dentro do Mes Europeo da Diversidade e coincidindo co aniversario do asasinato de George Floyd, Correos lanza “Equality Stamps”, unha nova colección de selos que ten como obxectivo concienciar sobre a desigualdade racial e defender a diversidade, a inclusión e a igualdade de dereitos.

“Equality Stamps”, que dá continuidade ao proxecto “Protest Stamps”, está composto por unha serie de selos que terán un valor diferente segundo a cor da pel que representan: canto máis escuro sexa o selo, menor valor terá, polo que, á hora de facer un envío, será necesario utilizar máis selos negros que brancos. Deste xeito, cada carta e cada envío converteranse nun reflexo da desigualdade creada polo racismo.

Os selos “Equality Stamps” poden adquirirse na Tenda En liña de Correos (https://tienda.correos.es/).

Unha acción con voz e nome propio

A iniciativa contou coa participación de Domingo Antonio Edjang Moreno, máis coñecido polo seu nome artístico El Chojin, un rapeiro e compositor español que deu voz á campaña para tratar de concienciar de que o valor dunha persoa non debería ter cor. El Chojin, referente en activismo racial no noso país, súmase así á causa de Correos.

“Equality Stamps”, que conta coa colaboración da ONG SOS Racismo, dará voz a unha xeración comprometida coa igualdade de dereitos e a diversidade. A través desta colección de selos, Correos quere reflectir unha realidade inxusta e que segue afectando a miles de persoas.