Vive Nigrán recolle 221 quilos de residuos en Praia América

Vive Nigrán, na súa campaña “Vive Sostible”, celebrou este domingo unha xornada de limpeza en Praia América en colaboración co Concello. En menos de 2 horas recolléronse un total de 221 quilos de residuos. Estas limpezas, promovidas polo festival, volverán realizarse en xuño. Os interesados que non poidan asistir poderán seguir colaborando, xa que o Concello pon ao dispor da campaña un dos seus “peixes tragaplásticos” situado na proximidade do festival (está sinalado cun cartel identificativo), onde se poden ir depositando os plásticos atopados. O lixo recollido será utilizado nun futuro para unha acción sorpresa.

A V edición de Vive Nigrán impulsa accións de recollida e clasificación de residuos nas praias do municipio dentro da súa iniciativa “Vive Sostible”. Desde o seu inicio, a organización do festival tivo presente a necesidade de actuar con respecto ante a riqueza ambiental da contorna na que se desenvolve. Medidas como fabricar vasos reutilizables, garantir a seguridade na zona dunar ou actividades para os máis pequenos con obradoiros de reciclaxe así o testemuñan.

Nesta edición e seguindo diversos obxectivos incluídos na Axenda 2030 para o Desenvolvemento Sostible, Concello e organización quixeron incrementar o seu compromiso programando varias actividades que poidan servir para concienciar á sociedade, por unha banda sobre a necesidade de reciclar, a importancia da conservación do mar e as súas especies, e por outra banda para converter as nosas praias en espazos libres de plásticos.

“Vive Sostible” exporá diversas accións que se irán desvelando aos poucos e que están vinculadas coa conservación, concienciación e responsabilidade ambiental (compensación de pegada de carbono, etc). O obxectivo de todas estas accións é facer ver que o problema dos residuos no mar é moi grave e compete a todos; e que, entre todos, cidadáns, festivais e institucións públicas, é necesario darlle a volta e achegar solucións.

O consumo de plástico na nosa sociedade creceu de forma vertixinosa nos últimos anos. Os datos sobre a cantidade de plástico que acabamos tirando, unha vez utilizado, son arrepiantes e extremadamente rechamantes. Unha realidade que está a converter os nosos fondos mariños en auténticos vertedoiros, especialmente de plástico, debido sobre todo á gran resistencia deste tipo de material, que pode perdurar durante séculos no fondo mariño.