O IES Auga da Laxe anima ao seu alumnado a falar galego

O IES Auga da Laxe vai desenvolver na semana do 24 ao 28 de maio unha campaña de dinamización lingüística para animar o alumnado, a través de diferentes retos diarios, a converterse en NEOfalante e a utilizar o galego como lingua de comunicación en todos os ámbitos sociais.

“Tendo en conta os datos de uso da lingua nas xeracións máis novas que se mostran no último informe do IGE e os resultados dun estudo presentado recentemente pola Real Academia Galega sobre a baixa competencia lingüística en galego dos adolescentes, animalos a falar galego na súa vida cotiá parécenos o único camiño para favorecer que sexan realmente competentes nas dúas linguas oficiais, un reto de toda a sociedade no que o sistema educativo tamén se debe implicar”, apunta Araceli González, Vicedirectora do centro.

A actividade está organizada polo departamento de Lingua Galega e Literatura e polo Equipo de Dinamización da Lingua Galega.

Implicación do profesorado

Para animar o alumnado a participar, organizouse unha campaña previa a semana pasada con carteis nos que o profesorado e o persoal non docente do instituto se identifica como PALEOfalante ou como NEOfalante, convidando así o alumnado a dar tamén ese paso.