Denuncian que os Servizos Sociais de Nigrán incumpren o dereito ao acceso á información

Podemos Nigrán e Esquerda Unida denuncian que non se está cumprindo a normativa que rexe os dereitos das persoas usuarias de Servizos Sociais de Nigrán respecto ao acceso a información. As formacións locais presentarán por rexistro unha solicitude para que o Concello, e máis concretamente o departamento de Benestar Social, axústese ás regras das normativas vixentes relacionadas co dereito a información das persoas usuarias deste departamento.

“Debido a esta falta de compromiso pola parte técnica desta área, e a desidia que mostra o Concello en relación a estas deficiencias, están a darse casos de extrema precariedade en Nigrán que afectan mesmo á saúde das usuarias, tendo, algunha desas conxunturas, que ser liquidadas por parte de grupos de voluntariado, propios usuarios/as de Servizos Sociais e da solidariedade de empresas, asociacións e particulares”, afirman as dúas formacións.

Por outra banda, aínda que cren positiva a ampliación do persoal deste departamento anunciada para o próximo mes de setembro, opinan que o Goberno Local demostra total desinterese cara ao ámbito de política social, xa que este incremento de persoal debería contemplarse nos orzamentos xerais e non utilizando partidas do remanente como “apaños de última hora” posteriores a denuncias públicas sobre o mal funcionamento deste servizo.