O Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño pon toda Galicia na man dos e das turistas

O Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño repite experiencia este ano na edición máis atípica da Feira Internacional de Turismo de Madrid, FITUR, que continúa sendo un escaparate incrible para visibilizar un territorio composto por 14 concellos que aúnan esforzos para ofrecer ao público produtos turísticos de calidade baseados nos seus recursos, identidade e tradición.

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro; a alcaldesa e representante institucional do Xeodestino, Nidia Arévalo; e a tenente de alcalde de Pazos de Borbén, Eloísa Nogueira, estiveron este xoves no stand de Galicia para presentar a nova campaña da Ría de Vigo e Baixo Miño, “Toda Galicia na túa man”, que “reflicte os principais elementos que caracterizan a Galicia como destino”. “Contamos cun rico patrimonio material e inmaterial, albergamos espazos naturais e preciosas paisaxes, ofrecemos unha exquisita e variada gastronomía e somos punto de paso do Camiño de Santiago. Sen dúbida podemos dicirlle ao turista que na Ría de Vigo e Baixo Miño ten toda Galicia na súa man”, explicaba Nidia Arévalo.

Pero o xeodestino tamén conta con particularidades que a diferencian do resto da comunidade, como “unha das fronteiras máis antigas do mundo, espazo de intercambio cultural e económico durante séculos, así como un vínculo especial coa pedra e a auga, elementos omnipresentes na nosa historia e desenvolvemento”. É precisamente a pedra a que vertebra parte das novas rutas do xeodestino, ideadas para amosar o territorio dende perspectivas diferentes que van “dende a posta en valor de miradoiros e fortalezas ata a visibilización de técnicas de construción coa pedra en seco pasando pola toponimia das rochas”. Por outra banda, o material e inmaterial conxúganse para dar a coñecer o patrimonio oculto dos 14 municipios do xeodestino.

En total 8 plans diferentes e información sobre 96 recursos que xa están a disposición de todas as persoas visitantes “nun formato singular e sostible, cun enfoque artístico baseado en ilustracións e co obxectivo de ofrecer ao turista, por exemplo, folletos e mapas perdurables no tempo”. Tamén volven as postais sonoras, este ano coa imaxe da Illa de San Simón, en Redondela, e da Virxe da Rocha, en Baiona. E que, con toda a súa maquinaria en funcionamento, o xeodestino ofrece ás e aos turistas material audiovisual, unha web e redes sociais para “promocionarnos e interactuar coas persoas que nos visitan”.

Produtos para este 2021

O Camiño de Santiago, a enogastronomía e a sostibilidade marcarán o traballo do xeodestino durante este 2021. “Nun Ano Santo o Camiño de Santiago tiña que ter un papel protagonista nas nosas accións. Buque insignia e ferramenta de posicionamento de Galicia no mundo, debemos aproveitalo como altofalante das nosas virtudes, para visibilizar o noso patrimonio e conectar á nosa poboación cos peregrinos e peregrinas que atravesan os nosos municipios”, salientou a rexedora de Mos.

Pero este ano o xeodestino tamén apostará pola enogastronomía “como excusa para artellar novos produtos baseados na calidade das nosas materias primas e viños e co entramado de festas gastronómicas como elemento diferenciador. A nosa gastronomía permítenos desenvolver unha oferta singular e desestacionalizadora que combinará tradición e innovación”.

Como remate, a Ría de Vigo e Baixo Miño traballará para “tender pontes e tecer redes que permitan ás nosas empresas turísticas coñecerse. A razón de ser do noso xeodestino é facer máis competitivo ao sector turístico do territorio e, para iso, é vital que as nosas empresas traballen xuntas, que aproveiten o traballo e a inercia do xeodestino para crear e comercializar produtos turísticos sostibles e seguros”.

Novo panorama

E é que se algo deixou tras de si a pandemia foi unha nova realidade, un novo escenario turístico e novas prioridades para todas as persoas visitantes. Neste sentido a tenente de alcalde de Pazos de Borbén, Eloísa Nogueira, sinalou que “entendemos que a unión fai a forza e soubemos sumar esforzos, traballo e ilusión para poñer en marcha iniciativas de calidade, innovadoras, seguras e sostibles que incidan na compoñente experiencial para aportar un plus de valor ás persoas que nos visitan”.

Este importante acto tamén contou coa presenza do alcalde de Soutomaior, Agustín Reguera; do alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, e da concelleira de Turismo de Nigrán, Cristina Dosil.