Cine na Rúa en Chandebrito coa proxección de “A Esmorga”

O Concello de Nigrán, dentro da súa programación especial polo Mes das Letras Galegas, ofrece este sábado ás 22:00 horas en Chandebrito (Torreiro Vello) a longametraxe “A Esmorga” (2014) coa presenza do seu director Ignacio Vilar, que establecerá un diálogo co público asistente. A entrada é de balde ata completar o aforo permitido polas autoridades sanitarias.

“A Esmorga” é unha adaptación da novela homónima de Eduardo Branco Amor, protagonizada por Miguel de Lira como Cibrán, Karra Elejalde como Bocas e Antonio Durán “Morris” como Milhomes. A historia está ambientada na cidade de Ourense, lugar onde se rodou e onde transcorre a noite de festa dos tres personaxes principais. Trátase dunha crónica tensa e intensa de 24 na vida de tres homes, compañeiros de esmorga que, deixando un regueiro de destrución, de sexo equívoco e reprimido, van fechando as portas tras si e guindando coas chaves, como para non querer volver, tal coma se adrede camiñaran á súa perdición.

“Creo que o cinema é un grande instrumento para artellar un país. Os clásicos son os espazos comúns de todos os galegos e galegas, e neste momento necesitamos eses espazos comúns. A Esmorga é un deles”, sinala Ignacio Vilar, o seu director, ao respecto.