150 persoas participaron na Festa da Bicicleta semi virtual do Val Miñor

O salón de plenos do Concello de Baiona acolleu o sorteo das dúas bicicletas da XXXI edición da Festa da Bicicleta, sen dúbida, a súa edición máis especial xa que a tradicional cita deportiva do Val Miñor este ano adaptouse á época COVID. Os agraciados foron Francisco Javier Fernández Fernández, por parte do Concello de Baiona, e Xosé Antón Fernández González, por parte de Gondomar.

Desde o Concello de Baiona, encargado de organizar esta edición, ideouse unha fórmula semi virtual para que os veciños e veciñas interesados puidesen participar na proba. En total, cento cincuenta persoas participaron nesta iniciativa, que se levou a cabo coa intención de seguir fiel á tradición e continuar fomentando o uso da bicicleta e esta práctica deportiva no Val Miñor.

Este ano organizouse unha festa virtual que se prolongou desde o 1 ata o 17 de maio, data tradicional na que viña celebrando a festa ata o ano pasado, cando se viu obrigada á súa suspensión debido á crise sanitaria derivada do Covid-19 e ao estado de alarma vixente.

Desde os Concellos de Baiona e Gondomar móstranse moi satisfeitos coa participación e a acollida desta actividade posta en marcha por primeira vez como alternativa segura á tradicional celebración.